Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 18:09
O Goberno galego incrementou, ata o 75 por cento, o anticipo orzamentario que tiña previsto adiantar respecto a subvención anual para as casas 'niño'.
A partir de agora, os titulares de casas 'niño' recibirán un anticipo da Xunta do 75%, mentres que antes o mesmo adianto correspondía ao 35% da inxección monetaria pola actividade anual destes centros.
Segundo un comunicado da Administración autonómica, este crédito pretende dar "maior liquidez e flexibilidade económica" a estes locais, que ofrecen un servizo gratuíto "de conciliación" para as familias do rural galego.
Nelas tamén se incopora a obrigatoriedade de que todos os usuarios cumpran co calendario de vacinación infantil e a admisión nas mesmas está suxeita a varios criterios de prioridade.
Entre eles atópase: que os menores estean empadroados no concello no que se atopa o centro, varemos de renda e a situación familiar e laboral ou académica dos titores solicitantes.
15 NOVAS CASAS PARA 2020
A día de hoxe Galicia conta con 60 'casas niño' en funcionamento e coa convocatoria deste ano engadiranse outras 15 ao programa público. Catro situaranse na provincia da Coruña, outras tantas en Lugo, unha en Pontevedra e seis en Ourense.
Precisamente no concello ourensán da Veiga estivo este mércores a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira. Alí, a representante autonómica lembrou que os orzamentos do próximo ano inclúen unha partida de 620.000 euros para abrir 'casas niño' en localidades sen escola infantil nin punto de atención á infancia.
Segundo Díaz, estes centros "favorecen a equidade no acceso aos servizos, impulsan en autoemprego e a economía social, contribúen á dinamización dos núcleos rurais e axudan á fixación de poboación no territorio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.