Condenado a 17 anos por agresión sexual continuada á filla da súa exmuller

As agresións comezaron cando a nena tiña 8 anos.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/05/2024 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condena a un home a dezasete anos de cárcere por cometer un delito continuado de agresión sexual sobre a filla da súa exmuller, menor de idade no momento dos feitos, e dun delito de lesións. Tamén se lle impón a prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da vítima, así como do seu domicilio, lugar de estudos ou traballo e de comunicarse con ela.

Detido chegando aos xulgados
Detido chegando aos xulgados | Fonte: Adrián Irago

Os episodios de agresión sexual, tal e como se indican na resolución, comezaron cando a vítima tiña oito anos e convivía toda a familia baixo o mesmo teito -a denunciante, a súa nai, o acusado e os tres fillos froito do matrimonio- e perpetuáronse no tempo ata que a recorrente abandonou o domicilio ao alcanzar a maoría de idade. O encausado "acudía polas noites de forma constante e habitual a habitación da menor” e “realizaba actos de contido sexual guiado polo ánimo de atentar contra o desenvolvemento e liberdade sexuais dela, e sen o seu consentimento".

Segundo recolle a sentenza, a declaración da vítima sostense cos informes realizados polas psicólogas, xa que corroboran "a realidade duns síntomas que por máis que se sobredimensionen, son reais e compatibles coa agresión sexual continuada que relatou”. En canto ás declaracións dos médicos forenses, “distinguiron con total claridade a lesión diagnosticada da secuela, afirmaron a realidade dos síntomas, estableceron a compatibilidade cunha agresión sexual continuada e despexaron calquera dúbida sobre a posibilidade de que a síndrome ansioso depresiva reactiva puidera deberse a outras causas”. 

Na resolución tamén se recollen outros "elementos obxectivos periféricos que corroboran a versión dos feitos dada pola recorrente",  como a declaración da súa nai e a testifical da súa curmá, que conviviu co acusado e o resto da familia durante unha tempada, e afirmou recibir naquel momento fotografías dos xenitais do agora condenado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 María

Castración seria o xusto nestes casos. Como facer xustiza ante estes feitos tan dramáticos e destrutivos.