Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/11/2019 | Actualizada ás 14:56
A Xunta espera que a aplicación móbil colaborativa que permitirá impulsar a toponimia en Galicia estea posta en funcionamento "antes de que finalice o ano", segundo avanzou este xoves o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a presentación da terceira edición do programa 'Toponimízate', que divulgará a riqueza da toponimia galega en 17 concellos.
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron unha nova edición deste programa, que terá lugar entre novembro e decembro nos concellos de Mazaricos, Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz , Ordes, Guitiriz, Lalín, Taboada, O Bierzo, Muxía, Noia, Folgoso do Courel, Cerdedo-Cotobade, Pazos de Borbén e Vilalba.
"A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos. Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obrigación coidala, estudala e defendela", engadiu o presidente da RAG.
Ademais de coñecer a orixe e o significado dos nomes de cada lugar, os participantes nas charlas aprenderán a usar a futura aplicación móbil, que poderá utilizarse tanto no teléfono como en tablets e computadores. Con esta ferramenta, preténdese contribuír á preservación e difusión da microtoponimia galega a través da xeorreferenciación ou geolocalización.
Esta aplicación, segundo informou García, espérase que poida estar en funcionamento "antes de final de ano". Unha aplicación, "nova en España", e pola que xa mostraron interese outras comunidades autónomas, sinala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.