Cal é o papel do campo e dos pastos no ecosistema galego?

A paisaxe galega está cambiando coa perda de terras cultivada. O pasto pode ser unha vía para o asentamento de poboación no rural, segundo algúns expertos. Por outra parte, o modelo de prados que se está implantando é o extensivo fronte o modelo intensivo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A aposta pola gandería como sistema de vida no agro inclúe a escolla entre o sistema intensivo de pasto ou o sistema extensivo. O primeiro parece ter a favor o feito de alimentar con herbas seleccionadas o gando destinado a unha maior produción de carne ou leite. O modelo extensivo permite unha maior calidade de vida para o gando e unha maior variedade de herbáceas para a alimentación das cabezas gandeiras. Mais cal sería a pegada que deixan no modelo agrario e no medioambiente en Galicia?

Agroforestería
Agroforestería | Fonte: calibre-agroforestry.org.

INTENSIVIDADE FRONTE A EXTENSIÓN

O enxeñeiro agrónomo Juan Castro aclara que o pasto intensivo “son prados sementados con especies seleccionadas, mesturas de raigás e trevo que se deben renovar cada ano polo menos”. Esta renovación implica o uso de maquinaria, investimento en sementes, abono e  preparación do terreo.

Os pastos extensivos están catalogados como prados ou pasteiros e neles “predominan as sementes naturais de cada zona, non precisan unha cantidade grande e abono químico nin se laborea e son para pastoreo normalmente”

José Ramón González de Unións Agrarias, pola súa parte destaca que o pasto extensivo “sempre ou case sempre está baseado en pradeiras naturais”. Sobre a formación desas pradeiras naturais González di que apareceron de maneira expontánea ou pola “selección do ser humano dalgunha especie (de herba) non buscada ademais dos coidados que se apliquen nesa superficie”.

Prados e pastos
Prados e pastos | Fonte: Juan Fernando Castro

Para Andrés Castro, do Sindicato Labrego, coincide en boa parte coas definicións de prado extensivo. Mais sinala que o prado intensivo “son prados anuais onde hai unha rotación de cultivos como millo e outros cereais en ciclos anuais”.

A cantidade de abono químico así como o taballo pesado con maquinaria e o uso de cultivos intensivos poden esgotar o terreo. Isto implica o uso do abono químico ou natural, mais eses terreos poden deixar pegada no chan e acuíferos ao filtraren elementos químicos e de xurros. O extensivo tamén precisa abonado mais non en cantidades como o intensivo, así como tampouco se usa de maneira intensiva maquinaria e a roturación do terreo.

PASTOS E MEDIO AMBIENTE

O pasto extensivo sería o máis favorable para o medio ambiente, en zonas de montaña onde tampouco é fácil usar maquinaria” di Juan Castro. Este enxeñeiro tamén destaca que esas pradeiras non se sementan e que “se manteñen polo gando e se van renaturalizando, evitan a erosión e conforman unha paisaxe de pastoreo en extensivo”. A contraparte está en que moito gando en intensivo está en cevadeiros onde se concentran grandes cantidades de cabezas en pouco espazo.

Juan Castro considera que desde o ámbito urbano non se ten o coñecemento suficiente sobre os beneficios ecosistémicos que aporta a gandería extensiva. “Para que exista biodiversidade o monte non pode estar abandonado, ten que haber actividades agrarias e gandeiras extensivas que son as que evitan uniformizar a paisaxe”.

José Ramón González considera que o pasto intensivo “non é prexudicual en absoluto, entendo que é beneficioso por fixar unha cantidade de osíxeno importante, é un filtro natural para as augas”. Pola súa parte, Andrés Castro indica que “un pasto extensivo é unha comunidade diversa de herbáceas, o intensivo é unha especie soa cun ciclo moi intenso”. Destaba tamén que os prados naturais ou extensos son sumidoiros de CO2. “O intensivo implica o movemento de maquinaria e iso trae canda si menos sustentabilidade”.

APERTURA DE PRADOS EXTENSIVOS, SI OU NON?

A posibilidade de abrir máis espazos para pasto e a posibilidade de fixar poboación no medio rural, é unha opción que algunhas voces apuntan como factible. Mais para iso habería que acondicionar espazos ou ben a bravo ou antigos terreos agrarios. “Hai algunha zona onde si se instauraron prados, eran zonas que foran xa cultivadas en terreos de montaña estaban adicadas a centeo”. Nestas áreas tamén se realizaban queimas de toxo e xesta cando xa eran moi grandes para convertelos en estrume. “Eran queimas controladas, as searas ou estivadas e logo se sementaba o centeo, por tanto eran terreos de cultivo e non bosque”.

Andrés Castro, considera que a existencia ou non de pasto non é que axude a asentar poboación, “o que axudará é a existencia de superficie agraria utilizable e o acceso a esa superficie”. Porque ese é outro problema que existe no rural, a concentración en poucas mans do terreo economicamente viable, un exemplo son as macrogranxas. Sobre o amansamento de monte e a conversión en prado considera que “non se está fomentando moito”.

AS PRAGAS E O DESPOBOAMENTO

As noticias sobre unha praga de ratos-toupa na parte oriental da provincia de Lugo fixo que algunhas asociacións conservacionistas comparasen este fenómeno como o que aconteceu en áreas dos Alpes italianos. Alí, segundo a asociación SECEM, a ampliación dos pastos extensivos fixo que a poboación de rato-toupa vise incrementado o seu número  polo que consideran unha ruptura do equilibrio biolóxico desa área.

Estará sucedendo o mesmo no Oriente de Lugo? “Realmente ten que haber unha actividade económica nestas zonas porque senón estarían despoboadas, que é o problema destas zonas de montaña” di Juan Castro. “En vez de tirar pedras contra os poucos gandeiros en extensivos que crear  unha economía circular”.

“En Galicia hai 2.700.000 hectáreas, temos un millón de hectáreas sen uso e iso só produce lume, danos ambientais incuantificables e un gasto no erario público de cen millóns de euros cada ano” declara José Ramón González que mostra así o seu desacordo coa postura ambientalista. “O máis natural e eficaz son os prados”.

“O problema dos ratos-teupa é máis ben unha cuestión de equilibrio natural” di Andrés Castro. “Sei que esta especie ten unha dinámica variable, cunha explosión desta especie que logo remite en número”. Andrés Castro tamén lembra que unha zona antropomorfizada é un lugar onde a presenza de carnívoros, grandes e pequenos, así como aves rapaces, curuxas e outras, é moito menor. Insiste que a cuestión do rato-teupa está relacionada co equilibrio do medio antes que o tipo de pasto.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta