Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 18:35
O equipo do Seprona da Garda Civil da Coruña impediu este luns a venda dun crocodilo disecado que estaba anunciado en Internet por parte dun veciño do municipio de Arteixo. Diso informou o Instituto armado nun comunicado, no que lembra que esta especie en concreto está ameazada e que a súa comercialización está regulada.
A Garda Civil indicou que a investigación se iniciou cando o corpo de seguridade detectou a publicación dun anuncio do crocodilo disecado nunha páxina web para a venda de artigos de segunda man.
O propietario da especie non achegou documentación que acreditase a tenencia legal do animal, así que o corpo de seguridade levantou acta por presunta infracción administrativa á Lei de represión do contrabando. Así, o crocodilo disecado foi depositado na Dependencia Provincial de Aduanas e Impostos Especiais da Coruña.
LEXISLACIÓN
A comercialización destas especies está reguladas pola lexislación CITES, de aplicación en España, que prohibe a importación, exportación, comercio, tenencia ou circulación deste tipo de animais se non se dispón da documentación necesaria.
O veciño de Arteixo, presunto autor do delito, pode enfrontarse a penas de prisión, multas e xa se procedeu ao comiso do ben en concreto. A Garda Civil enmarcou as actuacións desenvolvidas no Plan de acción español contra o tráfico ilegal e o furtivismo internacional de especies silvestres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.