Por Galicia Confidencial | New York | 03/12/2019 | Actualizada ás 14:31
O galego e o seu futuro no mundo estará presente en Nova Iorque. Será este xoves 5 de decembro a través da Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU) cun curso organizado pola gaiteira Cristina Pato baixo o título “Sociedades bilingües e sostibilidade: as outras linguas de España”. Nela participarán Rosa Rey, directora de Angle Editorial e Capital Books (Cataluña); Lorea Agirre, directora de Jakin Magazine (Euskadi) e Francisco Castro, escritor e director de editorial Galaxia en representación de Galicia.
Os tres compartirán as súas experiencias de supervivencia e resistencia nun estado con catro linguas oficiais, co obxectivo de achegar unha perspectiva diferente sobre as outras linguas españolas. Tamén haberá música e un recital poético en galego, éuscaro e catalán.
Esta actividade forma parte da programación que está a desenvolver Cristina Pato durante este curso na Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU), unha das máis destacadas universidades dos Estados Unidos, que teñen ocupado anteriormente destacados persoeiros das letras, como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Jon Juaristi ou Estrella de Diego, ademais de por outros destacados persoeiros como Baltasar Garzón ou hispanistas do talle de Sir John Elliott ou Sir Raymond Carr.
O evento terá lugar o 5 de decembro ás 18.30 horas no Auditorio do King Juan Carlos I Center da Universidade de Nova York. Máis información na web da Cátedra: https://www.kjcc.org/event/bilingualsocieties/
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.