Miles de persoas piden en Galicia implicación social para lograr a "plena inclusión" das persoas con discapacidade

A iniciativa 'Baixo un mesmo paraugas' busca a implicación de toda a sociedade na consecución dos dereitos deste colectivo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

Miles de persoas de distintos puntos de Galicia e representantes de máis de 80 entidades sociais galegas saíron este martes á rúa para reclamar a implicación de toda a sociedade na consecución da "plena inclusión" das persoas con discapacidade.

Día das Persoas con Discapacidade en Galicia
Día das Persoas con Discapacidade en Galicia | Fonte: Europa Press

Fixérono dentro da iniciativa 'Baixo un mesmo paraugas', que busca a implicación de toda a sociedade na consecución dos dereitos deste colectivo. Coincidindo coa celebración este martes do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o acto, que cumpre catro anos, desenvolveuse na Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense.

Convocados por Aspace, persoas con discapacidade, familiares, profesionais, voluntarios e escolares saíron á rúa con paraugas de cores para concienciar sobre a diversidade e a necesidade de "reivindicar de forma conxunta" os dereitos deste colectivo.

Nestes actos reivindicativos leuse un manifesto con motivo desta efeméride no que se fixo fincapé nas demandas que comparte o colectivo: "Unha vida digna e plena, como calquera outro cidadán".

En particular, referíronse a cuestións como a "accesibilidade plena dos espazos públicos e privados", a "inclusión educativa real" ou a "garantía de poder acceder a un traballo en condicións de igualdade", unido ao desexo de "sentirse acompañados" e poder "participar" tanto na toma de decisións sociais como en actividades lúdicas e culturais.

ILLAMENTO SOCIAL

Por outra banda, o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (Cermi Galicia), convocou en Santiago outro acto conmemorativo que, nesta ocasión, estivo centrado na importancia da integración social do colectivo de persoas con discapacidade para evitar situacións de illamento e soidade.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a de Educación, Carmen Pomar, participaron neste acto, no que estivo presente o presidente de Cermi Galicia, Iker Sertucha.

Durante o acto, Fabiola García destacou a importancia de dar máis visibilidade ás demandas das persoas con discapacidade e reivindicar que estas "ocupen o espazo" que necesitan e "sexan protagonistas en todos os ámbitos da sociedade".

Nesta liña, destacou o compromiso da Xunta na materia, que se traduce nun incremento de máis do 40 por cento dos convenios de colaboración con entidades na última década na axuda extraordinaria de 3,6 millóns de euros aprobada recentemente para axudalas a facer fronte ás obrigas derivadas do novo convenio colectivo do sector.

Ademais, Fabiola García referiuse ás melloras introducidas no últimos dez anos para "facer máis fácil a vida das persoas con discapacidade" e das súas familias.

Entre os "logros alcanzados", a conselleira de Política Social destacou que Galicia é a comunidade que "máis aposta polas prestacións públicas" de asistencia persoal, ao incrementar este ano a contía máxima un 15%, ata chegar aos 1.700 euros ao mes.

Así mesmo, subliñou que, na actualidade, están a disposición dos galegos un 25% máis de prazas públicas que en 2009, ata chegar ás 5.400; a mellora da accesibilidade das oficinas centrais da Xunta ou a axilización dos procesos de valoración, coa posta en marcha de 16 novos equipos e a simplificación de documentos.

No ámbito da inserción laboral, a conselleira destacou o apoio do Executivo galego aos centros especiais de emprego e formación como vía prioritaria cara á plena inclusión ou a segunda convocatoria específica de emprego público para persoas con discapacidade intelectual, á que concorreron este fin de semana 370 persoas.

"PRIORIDADE" A NIVEL EDUCATIVO

Pola súa banda, a conselleira de Educación destacou que a atención á diversidade do alumnado é unha "prioridade" para o Goberno galego. "En Galicia, nos últimos anos, a Consellería estivo traballando por unha inclusión real do noso sistema educativo, proporcionando todas as ferramentas posibles", destacou.

Nesta liña, destacou que se están reforzando as posibilidades educativas en centros de educación especial, á vez que se reforza o equipo humano de apoio en centros ordinarios. Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios, un 92,7%.

A maiores, está a traballarse na "formación e concienciación" dos profesionais educativos a través do Plan de Formación do Profesorado e ofrecendo formación e asesoramento ás familias, entre outras cuestións.

UN CAMIÑO AÍNDA POR PERCORRER

Finalmente, a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, lembrou este martes que, a pesar dos "avances evidentes" en relación ás persoas con discapacidade, o "camiño por percorrer aínda é amplo e permanecen moitas carencias en materia de inclusión laboral, educativa, cultural, no goce do lecer, na mobilidade e na accesibilidade universal".

Neste sentido, lembrou que "ata hai moi pouco", as persoas con discapacidade eran tratadas cunha linguaxe "contraria á súa dignidade" e negábaselles "dereitos tan básicos" como o do voto, no que cualificou como unha "grave e inexplicable anomalía social".

"Hoxe afirmamos con rotundidade que a orixe das barreiras se atopa na actitude da sociedade con respecto ás circunstancias das persoas con discapacidade e que somos as persoas que conformamos maioritariamente a sociedade as que creamos as barreiras e a discriminación", apunta a Valedora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta