7ª edición do 'Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte' coa participación de 3O adegas

Este venres 4 de xullo, o Alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, foi o encargado de inaugurar o evento no Paseo do Malecón da cidade do Cabe. Ademais dos stands das adegas participantes, hai postos de gastronomía, actividades infantís, obradoiros de cata e concertos ata o domingo.

Por Galicia Confidencial | Monforte de Lemos | 05/07/2025 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Botou a andar a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Fíxoo este venres 4 de xullo no recinto feitral, no Paseo do Malecón monfortino, cun gran ambiente de público e moitas autoridades presentes no acto protocolario de inauguración que presidiu o alcalde e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca. Ademais do pregoeiro, José Luis Iravedra, houbo unha alta presencia de autoridades e o recinto feiral abriu as súas portas dende as 19:00 h. coa actuación do grupo tradicional Searas --previa á inauguración protocolaria-- e rematou co concerto de Lucía Pérez. O Festival terá lugar dende hoxe e ata o domingo 6 de xullo no Paseo do Malecón.

Presentación da sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Foto: GC
Presentación da sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Foto: GC

“O éxito deste Festival radica en que é unha proposta diferente, cunha estética e uns deseños moi coidados , cun completo programa que xira arredor do viño, que é o auténtico protagonista do Festival. O viño da Ribeira Sacra, é un elemento que axuda á promoción cultural, gastronómica e paisaxística e ó turismo enolóxico. Polo tanto, promocionar os nosos viños é o mesmo que promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto” subliñou o Alcalde de Monforte, José Tomé no seu discurso de inauguración.

“O viño da Ribeira Sacra é froito dunha viticultura especial, que eu creo que ben merece o calificativo de 'heroica', que contribúe á economía da Comarca, compaxinado tradición e innovación, cunhas adegas modernas que dan lugar a elaboracións de moita calidade, tanto en xoven como en barrica, atestigüado polos premios acadados” remarcou o rexedor salientando tamén que “este Festival pon o peche de ouro ás magníficas Feiras que se celebran en varios Concellos Da D.O e da nosa Comarca, cun obxectivo común, que non é outro que poñer en valor os nosos viños”.

Aproveitando a súa intervención, Tomé anunciou que a Deputación Provincial asinará en breve un convenio coa D.O Ribeira Sacra para seguir modernizando a viticultura e previr enfermidades da vide.

Pola súa banda, o pregoeiro José Luis Iravedra, presidente da Asociación Cultural e Gastronómica O Tizónagradeceu a oportunidade de ser nomeado como pregoeiro do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, un evento ao que calificou de "moi acertado e de proposta única e diferente pola súa imaxe coidada tanto en deseño como na súa ubicación privilexiada". Así mesmo, fixo un recoñecemento aos viticultores, adegas, e distribuidores "xa que o éxito conseguido na actualidade, é froito de o traballo que todos eles fixeron durante moitos anos, ata estar presentes nas cartas de viños dos mellores restaurantes".  

Porta de entrada ao recinto feiral. Foto: GC
Porta de entrada ao recinto feiral. Foto: GC

UBICACIÓN E PROGRAMACIÓN

recinto feiral conta cunha ubicación privilexiada –ao longo do Paseo do Malecón, a carón do río Cabe e con arboreda a ambos lados– e coa participación de 30 adegas con stand amplos. Ademais, haberá 12 postos gastronómicos que ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías, ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos.

No mesmo Paseo do Malecón, e en espazos diferenciados dentro do recinto feiral, durante a fin de semana faranse actividades e obradoiros infantís, obradoiros de cata e unha Masterclass para adultos relacionados coa Cata de Viños da Ribeira Sacra e este sábado 5 de xullo ás 23:00 h. haberá un concerto a cargo da Banda da Loba. Esta formación está composta por 5 mulleres cun estilo ecléctico que fusiona pop, rock, blues e música tradicional creando unha proposta única no panorama musical actual.

A maiores do anterior tamén se están desenvolvendo unhas ViñoRutas, a do Sil e a do Miño, para coñecer o lugar de orixe dos caldos da Ribeira Sacra, nas ladeiras de viñas que conforman o que coñecemos como 'Viticultura heroica'. As rutas partirán do Parque dos Condes de Monforte, onde nun microbús un guía profesional levará os anotados ata os enclaves protagonistas destas rutas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

ACTIVIDADES INFANTÍS

sábado 5, de 12:30 a 13:30 h, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure. E de 19:30 a 20:30 h. Pintacaras a cargo de Velaísca Animación.

domingo 6, de 12:30 a 14:00 h. un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus. E de 19:30 a 20:30 h. Teatro de papel impartido por Tarabelos.

MASTERCLASS E OBRADOIROS DE CATA

Masterclass a cargo de Jorge Vila, director de Galicia Wine Academy. Terá lugar o sábado 5 de 13:30 a 15:00 h. baixo o título “Na procura das viñas centenarias da Ribeira Sacra”. Jorge Vila a través da súa labor na academia, promove a formación e a difusión da cultura do viño en Galicia, consolidándose como unha figura destacada no sector.

sábado 5 de xullo, de 11:30 a 13:00 h., terá lugar o obradoiro “Descobre: Castes senlleiras da Ribeira Sacra” a cargo de Carlota Iglesias, membro da Asociación Galega de Sumilleres.

domingo 6 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial “O sabor do viño coa Música” a cargo do sumiller Suso Soneira acompañado do grupo musical Amalia & Manuel. Esta cata trata de relacionar o mundo do viño coa música, o que se coñece como maridaxe sonora. Esta é unha das últimas tendencias en alza no desfrute do viño onde se complementa o feito de beber unha copa de viño relacionándoo cunha boa peza de música.

Estes obradoiros e masterclass son gratuítos pero con aforo limitado a 35 persoas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

NOVIDADES

Unha delas é a incorporación dos Tokens, fichas personalizadas como forma de pago, que sustitúen aos habituais selos de papel que se atopaban á venda nos stands de recepción para ter dereito ás consumicións. Dende a organización afirman que estes Tokens resultan máis difíciles de perder ou deteriorar, resultando mais cómodos para os visitantes do Festival.

Outro detalle será que se engadirá retroiluminación ao pórtico de entrada ao Festival que se incorporou o ano pasado por primeira vez, e que foi utilizado por moitos visitantes como photocall.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta