En Común abre as portas a Anova: "Para derrotar a Feijóo non sobra ninguén"

O partido nacionalista atópase inmerso nun proceso interno para decidir o seu futuro, pero cre que En Común non ten percorrido en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2019 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de En Común, Antón Gómez-Reino, abriu a porta a sumar a Anova a unha confluencia para concorrer ás eleccións autonómicas previstas para o próximo ano. "Para derrotar a Feijóo non sobra ninguén", apostilou.

A preguntas dos medios nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Santiago, Gómez-Reino referiuse á posibilidade de unirse á formación nacionalista --distanciada de Esquerda Unida e Podemos desde as xerais de abril-- nunha candidatura unitaria para as galegas de 2020.

Así, acompañado pola tamén deputada Yolanda Díaz, o líder de Podemos Galicia subliñou que comparten "espazo político" con Anova, polo que confían en que decidan incorporarse a En Común, un proxecto "consolidado" que busca converterse "en hexemónico da esquerda neste país".

Con todo, manifestou que a construción da candidatura debe realizarse involucrando "non só aos partidos" senón tamén á sociedade civil. "Os partidos son importantes pero o importante é mobilizar á sociedade que, hai que dicilo, víñannos apoiando pero nos últimos meses están dubitativos".

Por iso, apelou a "estar á altura" do "reto histórico" que supoñen as eleccións autonómicas para "darlle forma electoral a esa maioría social que hai nas rúas" e que "se expresou" nas urnas no pasado ciclo de eleccións. "Estamos ás portas de conseguilo. A mellor mensaxe que podemos dar aos galegos é un goberno de coalición de esquerdas en Madrid. Iso é o que máis medo lle dá a Feijóo", incidiu Gómez-Reino.

POSTURA DE ANOVA

Anova atópase en pleno proceso interno que definirá o seu futuro. O vindeiro sábado 14 de decembro, a militancia da organización nacionalista está convocada a pariticipar nun conclave do que sairá a postura para encarar as negociacións dunha hipotética candidatura de unidade popular.

A dirección, na súa tese política remitida ás bases, aposta por continuar na senda da unidade popular, pero cre que En Común non constitúe unha ferramenta con percorrido para o seu asentamento na política galega.

Os deputados de En Común Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz. EN COMÚN
Os deputados de En Común Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz. EN COMÚN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 xandasbolas

Ultratrepas!!! Quedade-vos por Madrid e non voltades.

3 Dalle que libras

Martiño e Antón: Falade con Beiras e que non vos engane máis Yoli PROCESIONES ¡¡¡

2 Cristovo

Ide tomar polo c...

1 xandasbolas

Non enganades mais que aos tontos.