A Xunta quere vender paisaxe galega pero evitar falar sobre a mina de Touro ou o vertedoiro de Casa Longa

Di que o Consello Asesor da Paisaxe pode tratar asuntos como a Mina de Touro ou o vertedoiro de Casa Longa se se sacan a colación, pero os informes non son vinculantes

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 11/12/2019 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

A paisaxe do territorio galego estará regulada por unha nova lei de protección que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que entrará en vigor no primeiro trimestre de 2020.

Así o anunciou a titular deste departamento antes de comezar a primeira reunión do Consello Asesor da Paisaxe que se constituíu este mércores en Santiago de Compostela. Os 38 integrantes desta nova institución autonómica abordaron diversos asuntos relacionados coa paisaxe galega. A regulación de protección é unha ferramenta "necesaria para conservar, protexer e mellorar a gobernabilidade dunha dos sinais de identidade da Comunidade, como é a paisaxe".

Balsa de residuos
Balsa de residuos | Fonte: Aldea Viva

MINA DE TOURO OU VETEDODIRO DE CASA LONGA

A conselleira foi preguntada pola posible emisión de informes sobre a Mina de Touro ou o vertedoiro de Casa Longa, dúas actuacións na paisaxe que a día de hoxe preocupan a diversas organizacións comprometidas co medioambiente así como aos veciños da zona.

Neste sentido, Vázquez argumentou que no caso de Touro trátase dun proceso administrativo "moi avanzado" e que serán os técnicos os encargados de "determinar cos seus informes a avaliación positiva ou negativa" desta actuación mineira. Mentres tanto, a Xunta "cumpre estritamente coa lei", engadiu.

Neste caso trátase dun proceso "moi amplo con moitos informes sectoriais" que tamén pasa por outras institucións como Augas de Galicia e son os "técnicos os que informan en función da lei" se un proceso pode acometerse ou non.

Pola súa banda, o vertedoiro de Casa Longa, en Teo (A Coruña), atópase nunha situación similar, xa que é unha actuación xa en trámite e o Consello Asesor da Paisaxe constituíuse este mércores. Se alguén decide abordalo será na quenda de rogos e preguntas, pero non se atopa na orde do día, concluíu.

Ao tempo, tamén é unha ferramenta "técnica para quen traballa con esta materia á hora de concretar conceptos básicos, criterios e metodoloxías relativas á paisaxe, que se abordan cun sentido pedagóxico", explica a Consellería nun comunicado.

A LEI DA PAISAXE

A idea da Xunta é fomentar o turismo sustentable no interior do territorio galego. Ademais, na reunión tamén se trasladará aos integrantes da entidade os traballos que o Instituto de Estudos do Territorio ten previsto desenvolver ao longo de 2020.

Dúas das actuacións que levarán a cabo teñen que ver coa publicación dun par de guías que explicitan como se pode actuar no territorio á vez que se ten en conta a conservación e preservación da paisaxe. Unha delas está preparada para guiar a intervención en espazos públicos e a outra para as actividades extractivas en todo o territorio.

RECOMENDACIÓNS NON VINCULANTES

O obxectivo deste consello --que reúne voces da administración pública, de organizacións de protección da paisaxe, organizacións sindicais e universidades-- é pór en valor a regulación sobre a intervención e ordenación da paisaxe, que antes de pasar polo Consello da Xunta para ser aprobada, chegarán a este órgano consultivo.

Tanto os plans sectoriais como especiais de Galicia, dependentes da Administración autonómica, serán trasladados ao consello asesor e este poderá emitir un informe de recomendacións que non será vinculante para a toma final de decisións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta