O alcalde de Pontevedra séntese "traizoado" por Feijóo por frear a variante de Alba

Miguel Anxo Fernández confésase "sorprendido e decepcionado" pola decisión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou sentirse "traizoado" polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo despois de que a decisión "política" de frear a construción da variante de Alba pola falta de consenso social. "Estou profundamente sorprendido, decepcionado e síntome traizoado", recoñecido.

Encontro oficial entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijóo en San Caetano
Encontro oficial entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijóo en San Caetano

Fernández Lores incidiu na "relación de sintonía" que ata agora mantiña co presidente autonómico. Por iso o rexedor non entende que non lle comunicou "directamente" o seu cambio de postura "e nos mande a un recadeiro a dar unha noticia negativa", en referencia ao portavoz local do PP que anticipou á prensa a decisión da Xunta. "Iso é absolutamente covarde", dixo Lores.

O alcalde lembrou que foi a Xunta quen presentou un "deseño durísimo" ao Concello asegurando que era "o único trazado posible" para a variante de Alba e que o goberno local aceptouno como mal menor ante os 14 anos de atraso que acumula esta obra, tan "necesaria" á vez que esixiu unha serie de modificacións para tratar de "suavizar" o proxecto e "que permita os tráficos peonís e sexa permeable".

"Agora sorpréndenos dunha forma incomprensible coa decisión de que non se vai facer", insistiu Lores, quen engadiu: "Esa é unha decisión política que pensamos que xa estaba tomada cando se presentou esa barbaridade de trazado e de deseño".

SEN RESPOSTA

Fernández Lores tamén desvelou que leva desde este xoves tentando porse en contacto con Feijóo e que ao concelleiro de infraestruturas, César Mosquera "tampouco se lle pon ao teléfono" o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

"Máis claro, auga, profunda decepción por este comportamento", valorou. Para o alcalde da cidade do Lérez, "a conclusión pode ser que volvemos ás andadas e que o Partido Popular non quere facer cousas en Pontevedra, esa é a realidade".

Finalmente o alcalde lembrou á Xunta a súa oferta de asinar un convenio para que sexa o Concello o que execute ese viario "e quedarnos con ela coas características que o municipio considere", polo que "o presidente sempre pode rectificar ou envainar, como fixo en Verín ou co Hospital Montecelo, ou con outras cousas, estamos abertos a esa posibilidade. Pero o demais son escusas de mal pagador".

"Aquí houbo unha ruptura dun compromiso" engadiu Lores, quen dixo: "Se cambiamos e hai cuestións que xustifiquen falámolo, pero non me mandes a un recadeiro para dar unha noticia".

RUEDA

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tamén se referiu este venres ao cambio de postura do Goberno galego respecto ao proxecto da variante de Alba e reiterou "o compromiso da Xunta de Galicia de investir en Pontevedra nas obras que sexan necesarias e que xeren un consenso social".

Rueda asegurou que "nós non renunciamos a ese investimento" pero supedítao a que o Concello "exerza de motor para conseguir ese consenso e poder executar un trazado sen o rexeitamento que ten agora mesmo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta