Temas: NADAL LOTARíA

Os galegos gastan de media uns 68 euros na lotaría de Nadal, un sorteo no que prefiren números impares

Administracións de lotaría destacan o interese polas terminacións en 19 como o ano que conclúe.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 15/12/2019 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

O gasto medio dos galegos no Sorteo Extraordinario de Nadal do 22 de decembro situarase ao redor dos 68 euros por habitante, segundo datos de Lotarías e Apostas do Estado. Os números impares seguen estando, por outra banda, entre os preferidos polos compradores e este ano estase solicitando, especialmente, as terminacións acabadas en 19, coincidindo co ano que acaba.

Lotaría de Nadal
Lotaría de Nadal | Fonte: EP.

Para este sorteo, a nivel estatal consignáronse case 16 millóns de billetes, cun valor de 3.199.428.700 euros. En Galicia, son un total de 929.399 os billetes consignados, valorados en 185,8 millóns de euros.

Por provincias, a maior consignación corresponde á provincia da Coruña, cun total de 418.657 billetes por un valor de 83,7 millóns de euros; seguida de Pontevedra con 290.387, valorados en 58 millóns. Por habitante, o gasto cífrase en 74,80 e 61,67 euros, respectivamente.

No caso de Lugo e Ourense, o número de billetes consignados ascende, respectivamente, a 141.500 e 78.854, cun valor de 28,3 millóns e 15,7 millóns, en cada caso. A consignación por habitante é no caso da provincia lucense a máis alta de Galicia, un total de 85,41 euros fronte aos 50,99 da ourensá, a máis baixa.

En 2018, o gasto por habitante foi en Galicia duns 61 euros, cun total de 831.595 billetes emitidos, alcanzando as vendas o importe de 166,3 millóns de euros.

NÚMEROS IMPARES, OS PREFERIDOS

As terminacións en impar adoitan ser as máis demandadas en Galicia e, de feito, é o número 5 o que figura con maior frecuencia de reintegro neste sorteo, un total de 32 veces. Séguenlle o 4 e o 6, con 25, cada un e o 8 e o cero, con 23 e 21. O 1 e o 2 atópanse nos números nos que menos recaeu, cun total de de 8 e 13, respectivamente.

Este interese polo número cinco confírmano tamén desde administracións de lotaría. Este é o caso de 'La Favorita', da Coruña. "O 5 e o 3 hai máis dun mes que están esgotados", sinalan lembrando que normalmente se esgota tamén pronto o sete.

"Este ano a xente pide moito o 19", engaden sobre o ano en curso. Desde a Administración 'O Meigallo', da cidade herculina, confirman que os números terminados en impares son os máis demandados, "como o 13, o 69, o 75 ou o 15", citan, entre outros exemplos. Tamén coinciden no interese este ano pola terminación en 19.

Ambas as administracións subliñan que hai xente que segue pedindo datas de nacemento ou de matrimonio "e con terminacións que roldan desde o 14 ata o ano en que estamos", apuntan desde 'O Meigallo'.

Como dato curioso, desde esta administración indican que "hai persoas que pensan que lles dá mala sorte ver o número e queren que llo poñas boca abaixo ou dobrado para que non o vexan", citan como un dos casos cos que se atopan nestas datas.

LOCALIDADES CON "MÁIS SORTE"

En canto ás poboacións que "máis sorte" tiveron en Galicia co primeiro premio, a cidade da Coruña é a que máis veces figura no caso da provincia coruñesa, un total de sete; seguida de Carballo (3) e Santiago de Compostela (2). Cedeira, Ferrol, Fene, O Pino, Rianxo, Serra de Outes e Teo están entre as localidades nas que recaeu unha vez.

Na provincia lucense, Lugo obtivo este premio en cinco ocasións, seguida de Vilalba, con dúas. En Monforte de Lemos, Meira e Valadouro foi unha vez. No caso da provincia de Ourense, na capital e en Allariz recaeu unha vez.

Mentres, na provincia pontevedresa, Pontevedra e Vigo lograron que fose para as súas localidades en dúas ocasións. Bueu, A Estrada, O Rosal, Poio, Redondela e Sanxenxo son outros dos municipios onde recaeu tamén.

Temas: NADAL LOTARíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta