Catro anos dende a entrada en vigor da moratoria do eucalipto en Galicia: que mudou realmente?

Antonio Rigueiro, profesor emérito da USC e presidente da Asociación Forestal de Galicia, advirte de que "é bo diversificar e frear a expansión abusiva e desordenada do eucalipto, pois, do contrario, as consecuencias para o monte galego serán moi graves". A moratoria, di, serviu para frear a febre plantadora, pero non abonda: "Se esta remata, a situación podería volver ser igual ou mesmo peor que antes".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é, dende hai décadas, un territorio marcado polo verde intenso dos seus montes, aínda que ese verde xa non sempre cheira a carballo, piñeiro ou castiñeiro. Cada vez máis, cheira a eucalipto. Esta especie foránea, chegada dende Australia, foi espallándose coma unha mala herba por boa parte da paisaxe galega, impulsada polos intereses industriais, pola falta de alternativas rendibles para o rural e por unha política forestal permisiva que durante anos mirou cara outro lado. Hoxe, o eucalipto é o protagonista dun dos debates medioambientais e sociais máis intensos da nosa terra: ata onde pode medrar a súa presenza sen poñer en risco a biodiversidade, o solo, os recursos hídricos ou mesmo a seguridade fronte aos incendios? Neste contexto, a Xunta aprobou no ano 2021 unha moratoria para frear as plantacións abusivas e desordenadas desta especie, impedindo que se creasen novas masas en terreos nos que antes non a había. A moratoria non estivo exenta de polémica, con enfrontamentos xudiciais, presións do 'lobby' papeleiro e unha aplicación que moitos consideran laxa ou insuficiente. A catro anos da súa aprobación, e coa súa prórroga no aire, a pregunta é: serviu realmente para conter o avance do eucalipto?

Plantación ilegal de eucaliptos
Plantación ilegal de eucaliptos | Fonte: ADEGA - Arquivo

"Eu creo que de algo si serviu a moratoria", asegura Antonio Rigueiro Rodríguez, profesor emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) a Galicia Confidencial. E é que, como explica, "a moratoria estableceuse porque había unha febre por plantar eucaliptos", ata o punto de que "mesmo se cortaban piñeiros antes de que estes estiveran no punto axeitado para a súa corta para plantar eucaliptos". Para el, a situación antes da moratoria era realmente preocupante, xa que "camiñabamos cara un sector forestal dependente case en exclusiva do eucalipto no que a produción de madeira se refire", o que suporía fortes problemas de abastecemento para as industrias de transformación como "os serradoiros" e "as fábricas de taboleiros", que, como apunta o presidente da Asociación Forestal de Galicia, "precisan sobre todo de piñeiros para abastecerse". Fronte a esta situación, subliña que é fundamental ter "un monte equilibrado, con presenza de distintas especies arbóreas", pois "só así se pode garantir a diversidade e a saúde do sector forestal galego".

"A MORATORIA NON SE CUMPRIU AO 100 %, FIXÉRONSE PLANTACIÓNS ILEGAIS"

"Eu penso que non é bo que un sector forestal tan potente e tan importante como o galego dependa exclusivamente de eucaliptos", defende, pero tamén asegura que "tampouco sería bo que dependese só de piñeiros, nin unicamente de piñeiros e eucaliptos". Así, a súa aposta é clara: "Deberíamos diversificar máis, tendo en conta tamén que o Plan Forestal de Galicia, revisado hai uns anos, fixa entre os seus obxectivos unha contención da expansión do eucalipto e mesmo unha redución da superficie dun 5 % no horizonte do ano 2040". Esa contención sería imposible de lograr se non se impuxese a moratoria, medida necesaria para frear a avalancha de plantacións que estaba habendo, algo que quedou demostrado polo feito de que, "dende que se anunciou a moratoria ata que entrou en vigor, coido que nunca se venderon tantas plantas de eucalipto", tal e como lembra o profesor emérito da USC, que explica que "a xente aproveitou eses meses para plantar masivamente eucalipto, mesmo cortando piñeiros moi novos" para substituílos por eucaliptos.

Non obstante, e aínda que reitera que a moratoria serviu para facer unha contención das plantacións de eucalipto no período de máxima avalancha e tamén para "reflexionar sobre o modelo forestal" que estaba imperando en Galicia, Rigueiro tamén evidencia que "a moratoria non se cumpriu ao 100 %". "Houbo xente que despois de entrada en vigor da mesma fixo plantacións de eucalipto ilegais", resalta, detallando que "a Administración admitiu ter interposto máis de mil denuncias por plantacións ilegais de eucaliptos en lugares que non estaban habilitados para elo". E é que cómpre lembrar que a moratoria servía para que unicamente se puidese plantar eucaliptos en lugares nos que xa os había, cortando uns e volvendo plantar outros, pero non en terreos nos que anteriormente á entrada en vigor da normativa non había presenza de eucaliptos. Aínda con todo, o profesor emérito da USC tamén admite que denunciar "é moi complicado", sobre todo nos pequenos núcleos rurais nos que mesmo "pode haber medo ou incomodidade por parte dos propios axentes forestais que realizan a vixilancia na zona ante a posibilidade de ter que denunciar a un veciño".

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos | Fonte: EP - Arquivo

"SE SE LEVANTA A MORATORIA, COA CIRCULACIÓN DA ENFERMIDADE DA 'BANDA MARRÓN' QUE AFECTA AOS PIÑEIROS, TODO O MUNDO OPTARÁ POLO EUCALIPTO"

No tocante á tendencia actual, advirte de que "a superficie ocupada polos piñeiros está reducíndose e a madeira de piñeiro cortada tamén, mentres aumenta a superficie de eucaliptos e a madeira derivada dos mesmos". O motivo? A elevada demanda deste último tipo de madeira para abastecer, fundamentalmente, as fábricas de Ence en Pontevedra e en Navia. Así as cousas, dende o seu punto de vista, a preocupación é evidente: "Chegará un intre no que non haberá materia prima suficiente para abastecer á industria que vén traballando con madeira de piñeiro". Aínda non estamos nese punto, pero a evolución das cifras non é boa. Por iso, ao preguntarlle ao presidente da Asociación Forestal de Galicia sobre se prorrogar a moratoria sería medida suficiente para conseguir un equilibrio entre as masas de arboredo no monte, responde claramente que "non". "Dende logo é preciso que tamén se establezan medidas que favorezan as plantacións de piñeiros e de frondosas como o carballo, o bidueiro ou o freixo, así como tamén dalgunhas especies exóticas como pode ser o carballo americano, a nogueira híbrida ou a nogueira americana", reivindica, apostando pola "busca dunha maior diversificación das especies arbóreas de interese madeireiro e ambiental en Galicia".

Así, Rigueiro advirte de que depender só de eucaliptos e piñeiros é un risco tanto a nivel económico como sanitario. Por unha banda, "se dependemos unicamente destes grupos de especies e, por algunha razón, os seus prezos no mercado caen, todo o sector forestal se vai a pique". Pola outra, "se hai problemas sanitarios graves que afecten a estas especies, como xa está habendo, todo o sector forestal galego se pode vir abaixo" e, en realidade, isto non é algo descabelado, pois a día de hoxe hai pragas que afectan xa a ambos grupos de especies causando danos importantes e desánimo entre os propietarios forestais. Fronte a isto, defende non poñer todos os ovos na mesma cesta e "diversificar e apoiar tamén as plantacións de coníferas e frondosas de maneira decidida". Do contrario, está convencido de que se se chega a levantar a moratoria sen establecer un regulamento para as novas plantacións de eucaliptos, a situación actual do monte galego, xa mala de por si, aínda podería ir a peor: "Volveremos á situación previa á implantación da moratoria, ou mesmo peor, porque nestes momentos temos un problema sanitario moi grave nos piñeiros, especialmente no piñeiro insigne, que fai que a xente non os queira plantar: 'a enfermidade da banda marrón'", o que faría que "os propietarios de plantacións optasen masivamente polo eucalipto".

"UN BANCO DE DEREITOS DO EUCALIPTO FARÍA QUE QUEN QUIXESE PLANTAR TIVESE QUE MERCAR DEREITOS A QUEN QUIXERA REDUCIR A SÚA SUPERFICIE"

Por iso, dende a Asociación Forestal de Galicia, na súa trixésimo oitava asemblea que tivo lugar en Mos a finais de abril, aprobouse unha resolución no senso de, entre outras medidas, "establecer unha normativa que regule as plantacións de eucalipto" e "prorrogar a moratoria durante 2 ou 3 anos, mentres non se elabore e consensúe co sector e coa administración forestal un regulamento que fixe uns criterios básicos para as novas plantacións de eucalipto". E é que Rigueiro tamén afirma que "tampouco tería sentido unha moratoria indefinida para as plantacións de eucalipto, sobre todo porque resulta inxusta, xa que permite aos que agora mesmo teñen eucaliptos cortalos e seguir plantándoos, mentres que impide aos que non o teñen que nalgún momento o poidan chegar a ter, establecendo así unha división da propiedade forestal entre dous bandos: aquel con propietarios que xa teñen plantacións de eucalipto e aos que, polo tanto, non lles importa que a moratoria continúe; e aqueles propietarios aos que lle gustaría telo e prefiren que remate a moratoria".

Para atallar esta problemática, dende a asociación propoñen "crear un banco de dereitos do eucalipto, algo semellante ao sistema de dereitos de plantación de viñedos, que obrigaría a quen quixese plantar eucaliptos a conseguir dereitos doutros propietarios que reducisen a súa superficie de eucalipto, de maneira que o total de eucaliptos que hai en Galicia non mude". "Sabemos que hai propietarios que teñen fincas de eucaliptos aos que lles gustaría diversificar a súa produción e reducir a superficie de eucalipto para incorporar máis piñeiro, carballo, bidueiro... e outros que teñen eucaliptos afectados por doenzas ou en terreos non mecanizables ou pouco produtivos, que non lles importaría cambiar de especie forestal, polo que esa idea do banco de dereitos do eucalipto permitiría que estes propietarios aos que non lles importaría ter menos eucalipto nas súas terras lles transfiran os dereitos de plantación do mesmo a outros propietarios que si están interesados en ter máis eucaliptos", explica Rigueiro.

Transferencia que habería que compensar. Unha fórmula pode ser que "eses dereitos de superficie teñan un prezo de mercado". "Tamén habería que definir que zonas de Galicia teñen clima e características ecolóxicas máis aptas para o cultivo do eucalipto e concentrar aí as novas plantacións, evitando a expansión desordenada por toda a xeografía galega, pero incentivando nas zonas non apropiadas para o eucalipto a plantación doutras especies". E sinala que, por exemplo, en gran parte da provincia de Ourense non ten sentido plantar eucaliptos porque non se dan ben. "O que non podemos pretender é encher Galicia de plantacións pequenas e espallar o eucalipto por todo o territorio", asevera o profesor emérito da USC, que aposta por "poñer límites ás plantacións desta árbore en superficies pequenas, de maneira que en fincas de 10 ou 20 hectáreas, por exemplo, só se poida plantar un 25 % da superficie con eucaliptos, co fin de diversificar e poder ter un control efectivo sobre as novas plantacións da mirtácea". A súa conclusión é contundente: "É bo diversificar e frear a expansión abusiva e desordenada do eucalipto, pois, do contrario, as consecuencias para o monte galego serán moi graves".

Castro de Veiga inzado de eucaliptos
Castro de Veiga inzado de eucaliptos | Fonte: Mariña Patrimonio - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta