A Xunta prevé licitar no último trimestre de 2020 as obras da nova estación de autobuses intermodal da Coruña

A Consellería de Infraestruturas presenta ao Concello herculino o deseño proposto pola Administración autonómica.

Por E.P. | A CORUÑA | 16/12/2019 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

A Xunta prevé licitar no último trimestre de 2020 as obras da futura estación de autobuses intermodal da Coruña, segundo informou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tras a reunión que mantivo coa rexedora coruñesa, Inés Rey, para presentar o deseño proposto pola Administración autonómica.

No encontro, ao que tamén asistiron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, abordouse o proxecto básico da nova terminal de autobuses.

Tras o mesmo, nunha comparecencia ante os medios de comunicación, a conselleira de Infraestruturas cualificou de "fundamental" mellorar a mobilidade na cidade herculina "e favorecer o intercambio dos diferentes modos de transporte", dixo sobre a futura estación intermodal.

Con este obxectivo, apelou a "recuperar o tempo perdido", en alusión ás diverxencias xurdidas co anterior goberno local, de Marea Atlántica, en relación a esta actuación. Do proxecto xa redactado, remarcou, mentres, que supón para a nova estación de autobuses, integrada na estación intermodal da Coruña, "un investimento de 17,4 millóns de euros e un prazo de execución estimado de 18 meses", engadiu sobre as obras, unha vez que sexan adxudicadas.

TRAMITACIÓN URBANÍSTICA

A conselleira explicou tamén que en xaneiro do próximo estarase "en condicións" de iniciar a tramitación urbanística. "E, paralelamente, terminar o proxecto construtivo", expuxo apuntando que o obxectivo é poder licitar as obras "no último trimestre de 2020".

Por outra banda, incidiu en que as actuacións que leven a cabo coordinaranse co Concello da Coruña e Adif, destacando, entre outras, a urbanización da avenida da Sardiñeira, "onde traballa o concello", apuntou.

Pola súa banda, a alcaldesa, Inés Rey, apelou ao "compromiso" do goberno local para "desbloquear infraestruturas pendentes" na cidade. "Confíamos que neste mandato estea a estación intermodal terminada e conectar a cidade coa área metropolitana dunha maneira máis sustentable e máis rápida", subliñou.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, nunha reunión sobre a nova terminal de autobuses. CONSELLERIA DE INFRAESTRUTURAS
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, nunha reunión sobre a nova terminal de autobuses. CONSELLERIA DE INFRAESTRUTURAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta