Ciencia na Eurorrexión: as universidades portuguesas producen máis que as galegas

As tres universidades públicas do norte de Portugal suman máis publicacións e máis autores que as tres galegas, segundo unha análise bibliométrica da base de datos Scopus. A do Porto é a máis produtiva, seguida pola de Santiago. Malia a consolidación da Eurorrexión, son escasas as colaboracións entre as universidades dun lado e outro do Miño. Todas cobren unha ampla gama de campos e temas de estudo, desde medicina e química, ata informática ou enxeñaría.

Por Alberto Quian | Madrid | 17/12/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A produción científica nas seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal non se concentra nuns poucos campos e temas de estudo, senón que cobre unha ampla gama, desde medicina e química, ata informática ou enxeñaría. Ademais, a Universidade do Porto é a que destaca sobre o resto, tanto en produción científica como en número de investigadores, aínda que a de Santiago de Compostela é a maior por número de estudantes. Esta é a principal conclusión dun estudo sobre o estado actual da investigación académica e científica en Galicia e norte de Portugal, publicado en Information Resources  Management Journal, revista científica editada por IGI Global.

Universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Minho, Porto e Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.
Universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Minho, Porto e Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

Membros da Universidade de Vigo e do Instituto Politécnico de Xestión e Tecnoloxía (ISLA) de Vila Nova de Gaia (Portugal) asinan este traballo, no que se presenta unha análise  bibliométrica baseada en Scopus (base de datos bibliográfica de resumos e citas de artigos de revistas científicas de todo o mundo), para analizar o resultado da investigación das universidades públicas de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña –en Galicia– e as do Porto, Minho e Trás-os-Montes e Alto Douro –Portugal–, durante máis de catro décadas, entre 1973 e 2018.

A elección de Scopus xustifícase en que se trata "dunha das bases de datos de citas e resumos máis grandes e de maior calidade de literatura revisada por pares na Web”, explica a este xornal Noelia Araújo Vila, profesora do Departamento de Economía financeira e contabilidade da Universidade de Vigo, quen asina este traballo xunto con José Antonio Fraiz Brea, Lucília A. Cardoso e Alexandra Matos Pereira.

"As universidades galegas dedican gran parte da súa investigación a medicina, tecnoloxía, farmacia e enxeñaría”

CAMPOS DE ESTUDO

No caso das universidades galegas, observaron que “dedican gran parte da súa investigación á medicina, a tecnoloxía, a farmacia e a enxeñaría”, esclarece Araújo Vila. No caso das universidades lusas, “a medicina, as ciencias agrícolas e biolóxicas, a enxeñería e as ciencias da computación están no primeiro posto nos campos de investigación, sen diferir moito dos resultados galegos”, compara a profesora.

Agora ben, cada universidade destaca nuns campos de investigación específicos. Así, segundo os datos achegados, en Galicia a Universidade de Santiago de Compostela sobresae polo seu traballo en química, medicina, bioquímica, física e astronomía (42,3% da súa produción); a da Coruña centra a súa investigación en informática, medicina, enxeñaría e química (40,56% da súa produción), e a de Vigo destaca nos campos de enxeñaría, química, ciencias agrícolas e biolóxicas e ciencias da computación (38,8% da súa produción).

No caso do Norte de Portugal, na Universidade do Porto, medicina e enxeñaría representan o 24,3% da súa produción científica; na de Trás-os-Montes e Alto Douro, o 23,5% da publicación académica enfócase en medicina e ciencias agrícolas ou biolóxicas, sendo medicina a área principal en ambas as universidades, e no caso de Minho, o 25,8% da investigación provén das áreas tecnolóxicas de enxeñaría e informática.

“Realmente, a investigación está vinculada ás titulacións e campos presentes en cada universidade”, expón Araújo Vila.

A universidade máis produtiva é a do Porto, co 36,6 % do total de publicacións científicas na Eurorrexión e o 30,9 % dos autores

MÁIS PRODUCIÓN PORTUGUESA

Os números sobre produción académica sitúan as tres universidades portuguesas por enriba das galegas. Por número de publicacións científicas, existe unha clara vantaxe das primeiras, con 25.531 máis. As institucións lusas tamén superan as de Galicia en número de investigadores, aínda que aquí a diferenza é moito menor (+218), estando case á par.

Entre as seis universidades, a máis produtiva é a do Porto, que acapara o 36,6 % do total de publicacións científicas na Eurorrexión e o 30,9 % dos autores.

En segundo lugar posiciónase Santiago de Compostela, co 23,2 % das publicacións e o 24 % dos autores.

A de Trás-os-Montes e Alto Douro é a que menos peso ten, co 4,6 e o 4,2 %, respectivamente.

Chama a atención que as universidades de Vigo e Minho practicamente teñen o mesmo número de investigadores –ocupando a cuarta e terceira posición, respectivamente– e, con todo, a institución portuguesa supera amplamente en número de publicacións científicas á viguesa, (+7.063).

Universidade

Nº. Publicacións

Nº. Autores

A Coruña

13.795

4.296

Santiago de Compostela

41.282

9.320

Vigo

21.164

5,724

TOTAL UNIVERSIDADES
GALEGAS

76.241

19.340

Trás-os-Montes e Alto Douro

 

8.267

 

1.638

Minho

28.227

5.889

Oporto

65.278

12.031

TOTAL UNIVERSIDADES NORTE PORTUGAL

101.772

19.558

TOTAL

178.013

38.898


2018 foi “o ano máis prolífico en investigación”, desde 1973, cun total de 4.875 artigos científicos publicados polas tres universidades galegas (o 6,4 % do total de traballos rexistrados desde 1973), dos cales 2.221 (45,6% do total de 2018) foron asinados por científicos da Universidade de Santiago de Compostela.

No caso da rexión norte de Portugal, tomouse como ano de partida 1986, cando comezou a funcionar a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Do mesmo xeito que no caso galego, observouse que 2018 foi o ano máis prolífico, acadando o 9,03% da produción científica das últimas tres décadas na rexión lusa. Ademais, a Universidade do Porto destaca polas súas 5.354 publicacións científicas ese ano.

As universidades galegas publicaron 10.620 traballos nas revistas máis produtivas que figuran en Scopus.

Unha análise máis ampla sobre a orixe da produción científica a ambas as marxes do Miño, esta vez baseada na nacionalidade, mostra que despois de España e Portugal, os autores que asinan as publicacións son principalmente de Estados Unidos, Reino Unido, Francia ou Alemaña, no caso de Galicia, e Brasil, Reino Unido, Estados Unidos e Francia, no caso do norte de Portugal.

COLABORACIÓNS

A idea da Eurorrexión como un espazo transfronteirizo para o desenvolvemento común non parece calar aínda moi forte nas universidades ao norte e ao sur do Miño, que preferiron, en xeral, dar prioridade a colaboracións científicas con institucións académicas e outras entidades do seu propio territorio nacional.

“Obsérvanse colaboracións. As universidades galegas, principalmente con outras galegas, así como centros da Comunidade (hospitais, por exemplo, no caso de medicina). No caso portugués, tamén entre elas e outras universidades do resto de Portugal”, detalla Araújo Vila.

“O maior volume de coautorías prodúcese entre as tres institucións galegas, interactuando entre si”, destácase no estudo.

Entre as universidades galegas, Santiago e Vigo son as que máis colaboracións suman entre elas

No caso das universidades galegas, as de Santiago e Vigo móstranse como socios preferentes, xa que son as dúas que máis colaboracións suman, un total de 2.199 publicacións conxuntas. Tamén destacan, polo seu volume, os traballos colaborativos da institución compostelá coa Universidade da Coruña (1.852), o Hospital Clínico Universitario da capital galega (1.841) e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas - CSIC (1.520).

As universidades de Vigo e A Coruña téñense como segunda preferencia mutua para colaborar, con 541 publicacións asinadas por investigadores de ambas as institucións. Aínda que para estas o CSIC tamén é un colaborador importante, no caso da Coruña destacan as súas participacións co Hospital Clínic Barcelona, segunda entidade coa que compartiu máis traballos, segundo os datos deste estudo.

Se por algo destacan as colaboracións entre universidades galegas e do norte de Portugal é pola súa escaseza. Tan só a Universidade de Vigo –a máis próxima á fronteira– mostra un volume relativamente importante de traballos compartidos coa do Porto (479) e a de Minho (287); vínculos que se explicarían pola "necesidade de proxectos de colaboración”, a cal “leva aos investigadores a ser sensibles á proximidade e á similitude cultural”, respóndese no estudo.

A universidade viguesa tamén mostra un alto grao de cooperación con outras institucións no campo dos estudos mariños, “xa que un dos seus campus destaca nesta área (Campus do Mar, na cidade de Vigo)”.

No caso da Universidade de Santiago, “as colaboracións con institucións médicas son máis frecuentes, xa que é a única universidade galega que ofrece unha carreira en medicina”.

A cooperación con centros médicos “tamén é regular” no caso da Coruña, que mostra ademais importantes colaboracións con outras universidades españolas (Universidade Complutense de Madrid, Universidade de Oviedo ou Universidade Autónoma de Madrid).

“Cabe sinalar que, ademais destas colaboracións bilaterais, existe unha estreita cooperación das tres universidades galegas co Consejo Superior de Investigaciones Científicas, con máis de 2.200 obras”, subliñan os autores da análise.

 

Entre os financiadores dos traballos de investigación, para as tres universidades galegas destaca a Xunta de Galicia, seguida de FEDER (Federación Española de Enfermedades Raras) e MINECO (Ministerio de Economía e Competitividade). No caso do norte de Portugal, hai tres patrocinadores principais de investigación: Fundação para a Ciência e a Tecnologia, Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Comisión Europea) e Fuel Cell Technologies  Program (Departamento de Enerxía de Estados Unidos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Xosé

Primeiro: IGI Global é unha editorial predadora. Galicia-confidencial: infórmate, por favor. Este tipo de publicacións supoñen un cancro para a profisión, e os autores que publican nelas deberían reflexionar. Segundo: vivir no país do "grande, ande ou non ande", trae estes titulares. Eu en troques quero saber en que revistas de impacto publican os investigadores, e que citas xeran. Impórtame pouco se publican en revistas malas ou onde mesmo hai que pagar. Terceiro: o norte de Portugal é un exemplo en moitas cousas, pero home, en canto ao sistema universitario... Porto e Braga son universidades equiparables ás nosas. O resto (un politécnico en Valença!!!! = Facultade en Tui¿?¿?¿?¿?) é discutible se debemos incluilo en ensino universitario. Se aos profesores dunha facultade en Tui lles pides que publiquen, claro que che van publicar. Adiviñade onde. Manda truco, o que hai que ler.

3 Inovador

Recomendo a leitura do Regional Innovation Scoreboard 2019 da União Europeia.

2 CastelaoPaSogama

Cantidade non é calidade. O que contan son citas e recensións. A moi corruta universidade española publica moito. Pero como as prazas teñen nombre e entran os mellor relacionados e non os mellores, a inmensa maior parte do que publican é literatura gris, que ninguén cita porque se trata de coñecemento deleznable.

1 Alberte

E têm aulas em galego (do Sul)? Impossível! Todo o mundo sabe que o galego nom é válido para a Ciência; nom é, Feijó?