Alerta laranxa por vento en toda Galicia con refachos que superarán os 100 km/h

Educación ampliou a suspensión das actividades no exterior desde as 9,00 horas ata as 18,00 deste mércores por un fenómeno meteorolóxico adverso con refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por vento que empezará na mañá deste mércores e afectará a toda Galicia. Esta sumarase á alerta vixente por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra por ventos de compoñente sur que poden chegar a forza 9 con mar combinado do sur con ondas de ata seis metros.

Segundo informou a Vicepresidencia da Xunta nun comunicado de prensa, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) avisa de que se poden alcanzar refachos de ata 100 quilómetros por hora nas zonas do noroeste, oeste, suroeste e interior da provincia da Coruña, na Mariña luguesa, no noroeste da provincia de Ourense e nas Rías Baixas e no interior da provincia de Pontevedra.

A borrasca estará acompañada de choivas intensas, de nivel amarelo, no suroeste, oeste e interior da provincia da Coruña, no noroeste e sur da provincia de Ourense e na provincia de Pontevedra. Avisan de que se poden recoller ata 60 litros por metro cadrado en 12 horas.

RECOMENDACIÓNS

A Xunta lembra que, con vento, o mobiliario urbano "pode desprazarse" e os restos de árbores e ramas que caian sobre a vía "poden condicionar" a circulación.

Tamén indica á poboación a "importancia de seguir as medidas de protección" como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e xanelas, así como evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e demais obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

ACTIVIDADES EN EXTERIOR

A Consellería de Educación ampliou, pola súa banda, a suspensión das actividades no exterior desde as 9,00 horas deste mércores ata as 18,00 horas por un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa con refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora que afecta as zonas de predición meteorolóxica da totalidade da provincia da Coruña e Pontevedra; A Mariña e noroeste e montaña de Ourense.

En todo caso, matiza Educación, os centros escolares das zonas excluídas desta alerta "poderán adoptar as decisións que estimen oportunas se consideran un risco superior ao declarado".

TEMPORAL NA COSTA

Así mesmo, Vicepresidencia lembra que está activada a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra por ventos de compoñente sur que poden chegar a forza 9 con mar combinado do sur con ondas de ata seis metros.

A Xunta insiste na importancia de manterse afastados da liña de costa e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

Tamén aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Fortes refachos de vento. Imaxe de Arquivo.
Fortes refachos de vento. Imaxe de Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta