Investigan un veciño de Santiago polo roubo de lotaría de Nadal

O home furtou oito billetes da Lotaría Nacional nun supermercado de Silleda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

A Garda Civil investiga penalmente un veciño de Santiago como presunto autor do furto de varios billetes da Lotaría Nacional subtraídos o pasado mes de novembro nun supermercado da localidade de Bandeira, no termo municipal de Silleda.

Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións realizadas por efectivos do Posto da Garda Civil de Silleda iniciáronse por mor da denuncia presentada polo responsable dun supermercado de Bandeira onde lle subtraeron, polo procedemento do descoido, oito décimos da Lotaría Nacional, do próximo sorteo de Nadal.

Os feitos ocorreron o día 14 de novembro cando esta persoa, "tendo en conta a considerable afluencia de xente propia dun día de feira na localidade, aproveitou un descoido da dependenta do supermercado para apropiarse de oito décimos de lotaría que estaban depositados sobre o mostrador", relataron as mesmas fontes.

Froito das investigacións realizadas para discriminar as persoas que puidesen resultar sospeitosas, a Garda Civil estableceu unha liña de investigación sobre un home, con antecedentes policiais, que fora visto ese día no establecemento. Un mes despois concluíron as investigacións coa identificación e localización do presunto autor, en cuxo poder se recuperaron dous do oito décimos subtraídos.

En concreto, trátase dun veciño de Santiago de 36 anos, cun "amplo historial de antecedentes policiais", concreta a Benemérita, por delitos contra o patrimonio. O individuo foi notificado como investigado por un suposto delito de furto.

As dilixencias instruídas en relación con estes feitos foron remitidas ao xulgado de Instrución de garda de Lalín.

A Garda Civil recupera varios décimos de lotaría subtraídos nun supermercado en Bandeira (Silleda).. GARDA CIVIL
A Garda Civil recupera varios décimos de lotaría subtraídos nun supermercado en Bandeira (Silleda).. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta