A decisión de Europa de avalar a inmunidade a Junqueras sacode a política galega e española

Feijóo di que supón un "choque" e unha "fricción" coa xustiza española e pide que sexa "analizada por xuristas expertos". O BNG di que non existe separación de poderes no Estado e pide a posta en liberdade do ex vicepresident catalán e en Marea suliña que a sentenza evidencia que "hai un conflito político que require unha solución política".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/12/2019 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) de avalar a inmunidade de Oriol Junqueras e o seu recoñecemento a que sexa eurodeputado entrou de cheo na precampaña electoral das galegas e sacode a política española, pendente, ademais, da conformación dun goberno en Madrid.

Oriol Junqueras
Oriol Junqueras | Fonte: EFE

O TUE ditou este xoves que o exvicepresidente da Generalitat debeu ser recoñecido como eurodeputado desde a proclamación oficial dos resultados das eleccións ao Parlamento europeo do pasado maio e gozar "desde ese mesmo momento" de inmunidade. O fallo responde as cuestións prexudiciais expostas polo Tribunal Supremo a petición dos avogados de Junqueras, que pediron esta consulta nun recurso de súplica contra a decisión do alto tribunal de non darlle permiso para ir acatar a Constitución ante a Xunta Electoral Central e así acceder á condición plena de eurodeputado.

FEIJÓO VE "FRICCIÓNS" CON ESPAÑA

Así, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou "chocante" a decisión do tribunal europeo e dixo que ten que ser "analizada por xuristas expertos, que coñezan a lexislación europea" porque ten "choque", "friccións", coa lexislación española. "O Tribunal Supremo saberá o que ten que facer; se pide aclaración... Temos os mellores xuristas no Tribunal Supremo e saberán que teñen que facer", afirmou.

En calquera caso, insistiu en que os delitos polos que Oriol Junqueras está no cárcere "producíronse e foron xulgados" con anterioridade á posibilidade de ser eurodeputado. E ademais, esta circunstancia, sinalou, "non exime ao PSOE e ao candidato Pedro Sánchez de entregar a chave da gobernabilidade de España ao partido de Junqueras".

Nunha entrevista esta mañá en Onda Cero, antes de que se coñecese a decisión final do tribunal europeo, o presidente galego dixo que sería "unha emenda a todo o ordenamento xurídico español e a un tribunal con xuristas moi sólidos e moi prudentes, que instrumentan ben os seus fallos, como é o Tribunal Supremo".

BNG

A Executiva Nacional do BNG reclamou este xoves "a posta en liberdade de forma inmediata" de Oriol Junqueras. "Tería que ser posto en liberdade de forma inmediata e recuperar todos os dereitos que lle corresponden como eurodeputado e poder exercer a representación política que lle outorgaron as urnas sen máis dilación", apuntou a formación nacionalista a través dun comunicado.

 

Neste sentido, o BNG entende que a xustiza española "faría mal" en volver ignorar todas as resolucións xudiciais referidas ao proceso soberanista catalán "que veñen de fóra do Estado español e que sistematicamente pon en evidencia déficits democráticos básicos". "Unha vez máis, a xustiza europea volve emendar as decisións da xustiza do Estado español.

 

EN MAREA

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que a sentenza do TUE evidencia que en Cataluña existe "un conflito político" que require "solucións democráticas". Cuestionado sobre este asunto nun almorzo informativo realizado na mañá deste xoves no Parlamento de Galicia, o maxistrado en excedencia destacou que este fallo demostra "que o diálogo debe estar por encima das ameazas".

"É unha nova chamada de atención de que o que se vive en Cataluña é un conflito político que necesita solucións democráticas", apuntou, antes de destacar que "o papel que están a xogar os políticos que están en prisión é importante".

Máis alá vai Cerna, grupo que está integrando dentro de En Marea, que pide a "liberdade inmediata" para Junqueras. "Non por menos esperada esta sentenza deixa menos en coiros a xustiza española", destaca nun comunicado.

TORRA

Por outra banda, e preguntado este xoves, tras coñecerse a condena de inhabilitación ao president de Cataluña, Quim Torra, Feijóo dixo que máis ten que "pasar para parar" as negociacións e o intento de investidura de Pedro Sánchez con partidos independentistas cataláns. "Cantas cousas máis teñen que pasar para parar esta investidura. Parece moi difícil que o disparate se siga agrandando... pero si, agrándase", reflexionou tras a reunión semanal do Executivo galego.

Pola contra, o BNG tamén expresou a súa suspicacia ante o feito de que, "inmediatamente despois de facerse pública a resolución do TJUE", se dese a coñecer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña que inhabilita ao presidente da Generalitat, Quim Torra.

 

"Non cremos que sexa casual; é un novo exemplo de que a separación de poderes no Estado español ten máis de aparente que de real xa que, de forma sistemática, hai unha instrumentalización política da xustiza", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

3 Alpinista

Esto vai un analista requetesabio --un Gamela, para entendernos-- e cun simple comentario salva a cara e a honra do españolismo coa súa xustiza imparcial, a legalidade vixente, e bla, bla, bla...

2 CastelaoPaSogama

Le iban a tomar el pelo así a Vox... Frente al eurofundamentalismo, euroescepticismo no radical, pero sí crítico https://www.elinactual.com/p/blog-p...

1 Pitito

A xustiza espatola é o que é nun país de chichinabo como este, onde hai xuices que escriben libros sobre asuntos que xulgan e xornalistas e lectores que os aplauden coas orellas