Autoxeografía sentimental

En que pensamos cando nos encontramos prostrados na cama dun hospital e necesitamos buscar ánimos para seguir adiante? O máis probable é que recordemos o que nos trouxo auténtica felicidade. Tamén podemos fixar na mente os lugares nos cales apareceron esas fontes de ledicia.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 27/12/2019

Comparte esta noticia
No meu caso, unha autoxeografía referida ós mellores recordos comprendería a seguinte lista:
 
1. Entre o nacemento e os oito anos, tiven a sorte de vivir unha infancia feliz, sen saír case do meu pobo do Araño.
 
2. Cando tiña oito anos, meus pais foron á emigración a New Jersey, nos Estados Unidos. Eu pasei a vivir cos meus tíos en Vitoria-Gasteiz, unha espléndida cidade onde tamén fun moi feliz durante catro anos.
 
3. Con doce anos, reuninme cos meus pais en Newark, New Jersey. Nesa cidade, na zona chamada Ironbound, estiven en xeral moi contento durante oito anos, en plena adolescencia. Nesa época, tamén vivín momentos preciosos en South Orange, en Jersey City e, moi especialmente, na illa de Manhattan.
 
4. Con dezanove anos, viñemos de volta a Galicia. Resultaron tamén fermosos os anos de universidade en Santiago de Compostela.
 
5.  Os amores foron unha constante en canto a sentir alegría intensa. O primeiro amor chegou en Boiro. Despois, volveu a aparecer o romance en Padrón e en Rianxo. En Noia, coñecín á quen sería a miña esposa.
 
6. Co tempo, tiven a sorte de viaxar, e a emoción chegou en lugares de Francia como Bourdeaux ou Paris. Na lúa de mel en Lisboa, xa quedei ligado ó país irmán Portugal. Outras viaxes reveláronme os encantos de sitios como Cork ou Dublin en Irlanda, Liverpool no Reino Unido, e Granada, Nerja e Córdoba en Andalucía. 
 
7. Acoden á memoria epicentros de epifanías ou de belas recoleccións escribindo, mercando algún obxecto anhelado ou paseando en soidade ou con amigos e amores en puntos do mapa tales como Corrubedo, Mondoñedo, Tállara, Rois, Lousame, A Picaraña, Rois, O Grove, Outes, Muros, Carballo, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Donostia, Drogheda, Watchung ou Narbonne.
 
8. Por último en canto a viaxes, o meu país favorito foi Italia, e en particular unha constelación persoal formada por Imperia, Torino, Firenze e Milano. Adoro tanto ese país que me gustaría vivir alí na derradeira etapa da vida, na zona da Toscana de cipreses punteando a paisaxe.
 
Moitas grazas a tódolos sitios mencionados, aos que habería que engadir as localizacións de concertos, bibliotecas e museos que tamén trouxeron ilusión e ilustración. Grazas por non defraudar as excesivas expectativas dun idealista. 
 
No plano imaxinativo, tería que mencionar os escenarios de películas e de novelas, como por exemplo a Mancha de Miguel de Cervantes ou a Rusia descrita por Jules Verne ou Anton Chekhov. Quedan entre as brumas do futuro as posibilidades de coñecer continentes onde nunca estiven, como África, Asia ou a América do Sur.
 
Os lectores de GALICIA CONFIDENCIAL poden, se o desexan, confeccionar unha autoxeografía sentimental, mentalmente ou por escrito, e revivir na alma instantes de ledicia profunda: o primeiro amor, o nacemento dun fillo, a consecución dalgún logro soñado, a sensación de ver a televisión en familia, a sensación producida por determinadas fragrancias ou cartas, a recuperación dunha enfermidade ou o reencontro con algún ser querido, por dar varios de moitos exemplos posibles. Confiamos en que será unha experiencia reconfortante, sempre que non se acceda a un tempo ós sufrimentos da nostalxia.
 
Cos mellores desexos, felices festas a todos.

Panorámica de Nova York
Panorámica de Nova York
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".