Non haberá menores na festa con barra libre dunha discoteca de Ourense

O concello prohibirá a súa entrada aínda que leven autorización dos pais.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 26/12/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense "vixiará" que non haxa menores na festa con barra libre anunciada nunha discoteca desta cidade para Fin de Ano e á que se convidaba a asistir a menores, con previa autorización dos pais.

Así o informaron a Europa Press fontes municipais que explicaron que esta medida se acordou este luns, tras ter constancia da organización por parte da discoteca Macao desta festa, difundida, entre outros medios, a través de redes sociais.

Desde o Concello precisaron tamén que por parte da Policía Local remitiuse senllos expedientes, un á Consellería de Presidencia e outro á Policía Autónomica, pondo en coñecemento os feitos.

Por outra banda, sobre a situación da discoteca que organiza esta festa, ratificaron que o local --que xa orixinou críticas a principios de decembro por un cartel que utilizaba o corpo dunha muller para anunciar a celebración da festa 'Perreo party'-- ten licenza municipal.

No entanto, apuntaron que "non tiñan autorización" para un tipo de festa con menores como a que anunciaron para Fin de Ano. Todas as mencións á mesma eliminárona nas redes sociais, segundo confirmaron tamén desde o concello, que explicaron que agora o día 31 a Policía Local supervisará se hai ou non menores na citada festa.

Mozos divertindose nunha discoteca
Mozos divertindose nunha discoteca

CONTROL DA POLICIA AUTONÓMICA

Pola súa banda, a Consellería de Presidencia explicou a Europa Press que a Policía Autonómica está a realizar, desde o inicio das festas de Nadal, "distintos dispositivos en prevención de consumo de alcol por parte de menores, así como para evitar a súa venda aos mesmos".

"Desta forma, actúase, por unha banda, de forma preventiva e con carácter informativo contactando cos locais e establecementos que teñen previsto levar a cabo festas e, por outra, a modo de inspección, identificando e propondo para sanción as infraccións detectadas".

Por iso, asegura que no caso da discoteca de Ourense, "do mesmo xeito que se fai con outros locais", contactarase co establecemento para informalo sobre a lei, de 2010, sobre a prevención e consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

En concreto, segundo precisa, do seu artigo 16.1, no que se recolle que os menores só poderán acceder ao interior dos establecementos citados na lei "acompañados dos seus responsables, é dicir, pais, titores ou responsables dos centros educativos". A Xunta lembra tamén que a norma establece que a sanción mínima pola venda de alcol a menores é "de 3.000 euros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta