Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 13:45
Todas as familias galegas cunha renda de entre 10.000 e 30.000 euros por cada membro poden desde este mércores, 1 de xullo, gardar as facturas --mellor que recibos-- da compra de libros e material escolar para aplicar unha desgravación do 15 % na declaración da renda do ano 2026. A dedución será dun máximo de 105 euros por cada fillo.
Esta medida fiscal, xa anunciada en meses pasados polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, irá na lei de medidas administrativas que acompañará aos orzamentos autonómicos para o próximo ano. Este mércores, primeiro día no que xa se poden realizar as compras que darán lugar ás desgravacións, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitaron a libraría Follas Novas de Santiago de Compostela.
Desde alí, ambos explicaron ante os medios de comunicación o funcionamento desta dedución que se aplicará na cota do IRPF daquelas familias con nenos en idade escolar e cunha renda per cápita de entre 10.000 e 30.000 euros. Para os de menos de 10.000, a Xunta xa conta co programa de préstamo de libros e os cheques. O conselleiro de Facenda insistiu en que as familias que se queiran acoller a esta axuda fiscal "poden empezar a gardar as facturar das súas compras" desde o 1 de xullo e ata o 31 de decembro. A previsión é que haberá uns 60.000 alumnos beneficiados desta medida que suporá un custo para a Xunta duns 6 millóns de euros, tal e como detallou Miguel Corgos.
CENTROS PÚBLICOS E PRIVADOS
A preguntas dos medios, os dous conselleiros confirmaron que poderán aplicar as deducións as familias de nenos que cursen etapas obrigatorias --é dicir, Educación primaria e ESO--, tanto en centros públicos como privados: "O que discrimina é o nivel de renda de cada membro da unidade familiar". Román Rodríguez aproveitou para reivindicar que Galicia ten "un bo sistema educativo que destaca en determinadas variables tanto cualitativas como cuantitativas", en base a informes como PISA ou os que elabora o Goberno central.
Para continuar nesta liña, o conselleiro destacou que a Xunta pon en marcha políticas como a gratuidade das escolas infantís e das primeiras matrículas universitarias, aos que suma as axudas para a adquisición de libros e material escolar, que buscan "aliviar ás familias nos momentos de maior tensión económica, que adoitan coincidir co inicio dos cursos escolares". Preguntado sobre a posible recuperación da gratuidade total dos libros de texto, o conselleiro de Educación lembrou que é unha pregunta recorrente desde 2009, cando o PP se fixo co goberno na Xunta e pasouse a un sistema de cheques e axudas. "Entendemos que isto é máis xusto socialmente, porque contribuía a facer un exercicio de redistribución da renda entre as familias", respondeu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.