A Xunta nega discriminación ás árbitras de balonmán por quedar embarazadas

O PSdeG pide maior implicación do Goberno galego co deporte feminino para eliminar a desigualdade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2019 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, negou que as colexiadas de balonmán en Galicia teñan que deixar de pitar no caso de que a súa compañeira como árbitro queda embarazada, unha circunstancia que se dá noutras comunidades pero non na galega, onde as parellas son "mixtas" e "cambian cada fin de semana".

Así o indicou Lete Lasa na súa comparecencia ante a Comisión 1ª da Cámara autonómica para responder á pregunta formulada pola deputada socialista Patricia Vilán, quen reclamou á Xunta maior implicación orzamentaria co deporte feminino para eliminar a desigualdade.

Cuestionado sobre a existencia de "discriminación" cara ás árbitras no balonmán, o responsable de Deporte da Xunta asegurou que no balonmán galego as parellas de árbitro cambian cada fin de semana e son mixtas, polo que non se dá a circunstancia de que, en caso de embarazo, "perdan as súas condicións" en función do seu compañeiro ou compañeira.

Ademais, destacou que en 2019 o Goberno autonómico destinou 550.000 euros en accións "de igualdade a través das federacións", ademais de 145.000 euros a deportistas de alto nivel e 1,5 millóns a equipos feminismos e mixtos de alta competición, o que representa o 48% do total dos equipos patrocinados.

"O Goberno galego non só cumpre coa normativa en vigor senón que traballa arduamente pola promoción e procura da imprescindible igualdade na práctica deportiva", remarcou Lete Lasa, que incidiu en que a promoción de "dereito de toda a cidadanía a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha, é un obxectivo principal de actuación" para o Executivo autonómico.

José Ramón Lete Lasa no Parlamento. XUNTA
José Ramón Lete Lasa no Parlamento. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta