O Concello da Coruña cobrará 265.000 euros máis a Repsol tras rexeitar as súas alegacións

A petroleira alegou que non hai motivos obxectivos para xustificar o cambio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2019 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

O pleno municipal da Coruña deu o visto e prace -cos votos a favor do PSOE, Marea, BNG e Cidadáns e a abstención do PP- á aprobación definitiva da ordenanza fiscal número 54, reguladora do Imposto de actividades Económicas, no que afecta á Refinaría de Repsol. A ordenanza equipara o tratamento fiscal da refinaría ao que recibe xa no municipio de Arteixo e que vai supor un incremento de 265.000 euros nos ingresos do Concello da Coruña.

A petroleira alegou que non hai motivos obxectivos para xustificar o cambio. Con todo, na sesión plenaria de carácter extraordinario e urxente, o portavoz do goberno local e edil de Facenda, José Manuel Lage Tuñas, explicou que se trata de aplicar o mesmo tipo que ten a refinaría en Arteixo, pois as súas instalacións repártense entre os dous municipios.

Pronunciouse o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, quen contextualizou o apoio da formación nacionalista a esta ordenanza no marco dun acordo orzamentario alcanzado polo Bloque, o PSOE e a Marea Atlántica. Á marxe de cuestións técnicas ou xurídicas, hai un argumento de carácter "político", sinalou Jorquera, que xustifica o incremento da fiscalidade sobre a refineria no seu impacto ambiental e en termos de seguridade para a cidadanía.

"É DE XUSTIZA"

"Cheiro, contaminación atmosférica... Desastres ambientais como o do Urquiola e o Mar Exeo por ter un porto petroleiro no corazón da cidade... Desastres aos que estivo a piques de sumarse tamén o do Blue Star", relatou o portavoz nacionalista. Por todo iso, "é de xustiza que Repsol compense a esta cidade cun maior esforzo fiscal", conclúe.

Por parte das filas da Marea Atlántica, o seu edil Iago Martínez criticou aos socialistas pola subida do IBI, pero tamén tivo palabras para os populares, a quen instou a "pedir perdón" tras o arquivo da causa por prevaricación contra Claudia Delso, motivada pola denuncia do PP pola adxudicación da antiga prisión provincial.

Refinaría de Repsol na Coruña
Refinaría de Repsol na Coruña | Fonte: Gregorio Puga Bailón en Flickr.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta