PSdeG e BNG critican á Xunta por "botar balóns fóra" no problema das Pontes

O PSdeG critica a Feijóo por ocultarse e criticar ao actual goberno, mentres que o BNG urxe "unha mesa de traballo" con "todas as partes". En Marea pide que os deputados de Galicia en Común e o Bloque voten en contra do Goberno de Sánchez se non resolve este problema. Endesa prevé que o proceso de peche definitivo da central térmica dure 18 meses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2019 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

Os partidos políticos galegos non se poñen de acordo sobre como resolver o conflicto laboral nas Pontes, tras a decisión de Endesa de pechar a Central.

Central térmica das Pontes (A Coruña). ENDESA - Arquivo
Central térmica das Pontes (A Coruña). ENDESA - Arquivo

Así, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "se poña de perfil" e que nos seus orzamentos para 2020 "non haxan ningún tipo de formulación" para a transición ecolóxica na Comunidade.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns na Cámara galega, o tamén portavoz parlamentario do PSdeG destacou o labor do actual Executivo estatal para sacar adiante unha política "para solucionar problemas da industria herdados do Goberno de Rajoy".

Neste contexto, Caballero insistiu en que a xeración de electricidade a través do carbón "é algo que está a chegar ao seu fin no conxunto de Europa". Por iso, asegurou, o Goberno de España "facilitou" a continuación da central de Endesa "ata 2030". Con todo, a compañía rexistrou o venres a solicitude formal para pechar a planta en 2020.

Con este panorama, o líder dos socialistas galegos expresou que "a prioridade" do seu partido é garantir "o emprego na comarca" e conseguir "unha transición ecolóxica xusta" coa "implicación" tamén da empresa.

BNG

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas asegurou este luns, tres días tras a solicitude formal de Endesa para pechar a central térmica de Endesa, que o 2020 "ten que empezar coa convocatoria inmediata dunha mesa de traballo" que inclúa a "todas as partes" implicadas da que saian "medidas concretas".

Nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega para valorar a "negativa" situación da industria na Comunidade ao longo deste 2019, a parlamentaria nacionalista afeou á Xunta que "o único" que fai sexa "botar balóns fóra" mentres o Goberno estatal "ofrecer máis silencio".

Para o Bloque, o 2020 será "clave" que As Pontes teña "solucións encima da mesa" e que Galicia non volva vivir unha reconversión enerxética "que só deixa máis paro, máis miseria e menos emprego industrial".

Noa Presas lamentou que Galicia afronta o final do carbón "nunha situación peor da que podería con responsabilidade exclusiva do Partido Popular e do Partido Socialista". E isto é así porque "os sucesivos gobernos centrais e a Xunta non previron esta situación", a pesar de que o final do carbón "non é unha novidade dos últimos meses nin dos últimos anos".

EN MAREA

Pola súa banda, o deputado de En Marea Pancho Casal (En Marea) solicitou este luns que o Goberno central tome medidas para para "reducir o impacto" do peche da da central térmica de Endesa. En rolda de prensa, esixiu que o Goberno "deixe de insistir na dependencia do carbón" e que asuma que "está en vías de desaparecer". "Isto víase vir desde que en 2007 pechou a mina á beira da central, o problema é que en 12 anos non se fixo nada", lamentou.

Ao tempo, remarcou que "a falsa solución de eliminar o céntimo verde non serviría, nin moito menos, para garantir o futuro" da planta, xa que unha central como a das Pontes emite tres veces máis de CO2 que unha central de gas, "algo sabido desde hai anos, cando o Goberno de Rajoy puxo en marcha o mercado de dereitos de emisión de CO2".

Para que este desexo sexa "unha realidade", Casal esixiu que os representantes políticos galegos en Madrid "fagan valer os seus votos" na investidura e "que as necesidades dos galegos e das galegas estean presentes nas fotos do pacto de goberno". "Esperamos que no pacto dos representantes de Galicia En Común, Podemos e do BNG con (Pedro) Sánchez estean incluídas solucións para o sector enerxético galego e para as industrias electrointensivas", demandou.

ENDESA

Pola súa banda, Endesa prevé que o proceso de peche definitivo da central térmica dure 18 meses, período no que se consumirán as 800.000 toneladas de carbón almacenado nas instalacións.

Así o trasladou o director xeral de Endesa Noroeste, Miguel Temboury, a través dun comunicado remitido aos medios este luns no que a compañía se compromete a manter carga de traballo para as empresas auxiliares durante o proceso de desmantelamento da central.

Neste sentido, avanzan a posta en marcha dun "programa especial de formación en desmantelamento e en tecnoloxías renovables do que se poden beneficiar os traballadores das empresas auxialiares".

PPdeG REPROCHA AO GOBERNO CENTRAL

A viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Paula Prado, reprochou ao Goberno "o trato" dado a Galicia con medidas como o anuncio de peche da venda presencial de billetes en oito estaciones de ferrocarril galegas, a subida da peaxe na AP-9 ou o peche da central térmica das Pontes, unha decisión que "castiga de maneira especial a Galicia". "Non hai unha boa noticia por parte do Goberno de Pedro Sánchez para a nosa Comunidade", sinalou nunha rolda de prensa ofrecida este luns para informar o Pacto Galego contra a Violencia de Xénero.

En canto á central térmica das Pontes, asegurou que o PPdeG defende "unha transición enerxética xusta", pero precisou que o que non acepta é "que o Goberno socialista decida, dun día para outro, o peche das centrais térmicas sen alternativas para o futuro". Ademais, argumentou que se está privando a Galicia "dunha transición ordenada que permita manter a central das Pontes ata que se activen os fondos europeos a partir da segunda metade de 2020", apuntou.

Por outra banda, considerou que "non é xusto que se sacrifique a Galicia cando en Europa están activas ao redor de 150 centrais de carbón". "E ningún dos seus gobernos está a pór en risco inminente o seu futuro", insistiu a viceportavoz parlamentaria, quen pediu ao Goberno un plan de transición que garanta a actividade e o emprego "ata poder optar en 2021 aos fondos europeos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta