Mobilizacións polo despedimento de 136 traballadores da firma de procesado de peixe 'Isidro 1952'

Os traballadores ven "mala fe" no ERE por parte da dirección e anuncian novas mobilizacións.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 30/12/2019 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Traballadores e traballadoras da firma coruñesa de procesado e distribución de peixe Isidro 1952 concentráronse ante a factoría que a empresa ten no polígono de Espírito Santo, en Cambre (A Coruña).

Fixérono "en rexeitamento ao ERE de extinción que suporá o despedimento de 136 persoas e en contra da modificación substancial das condicións salariais e laborais que a dirección pretende aplicar para o resto", informa a CIG.

Baixo o lema "Non a 136 despidos, non á precarización laboral" a protesta desenvolveuse ao final da segunda reunión do período de consultas do ERE, na que a representación social reclamou información completa sobre a situación da compañía e que a dirección presente un plan de viabilidade real para garantir o mantemento dos 225 empregos e o futuro da actividade produtiva. "Comprometida por mor da débeda económica e da nefasta xestión empresarial dos últimos anos", sostén a central sindical.

PRECONCURSO DE ACREDORES

Ademais, durante a concentración, a presidenta do comité, Olga Rodríguez (CIG), explicou que este luns tiveron coñecemento que desde mediados de setembro Isidro 1952 "está en preconcurso de acredores, que termina o 12 de xaneiro".

"Pero a pesar do tempo transcorrido, a dirección non informou de nada o comité, o que supón unha mostra máis da mala fe coa que actúan". "Entendemos que o obxectivo da dirección era aproveitar o preconcurso para desfacerse de persoal e aplicar un recorte brutal das condicións laborais e salariais antes de ir ao concurso", expuxo.

Nestas circunstancias, desde a representación social aseguraron que "non hai nada que negociar" e que xa están a estudar un calendario de mobilizacións en defensa dos empregos e para esixir solucións que garantan a viabilidade do seis centros de traballo de Isidro 1952. Trátase, en concreto, da fábrica de conxelado, ultraconxelado e fabricación de produtos do mar do polígono do Espírito Santo; piscifactorías de troitas de Carballo, Baio e Louro; o criadeiro de rodaballo de Lorbé e o criadeiro de ollomol de Valdoviño.

Protesta dos traballadores da firma de procesado de peixe Isidro 1952. CIG
Protesta dos traballadores da firma de procesado de peixe Isidro 1952. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta