Temor a que o accidente dun camión afectara a estrutura dunha ponte pola que pasa o tren en Pontevedra

É a segunda vez que un vehículo queda accidentado nese punto.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 31/12/2019 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

Un camión articulado quedou este luns encaixado baixo a ponte de Alba, sobre o que transcorre a vía de tren en Pontevedra, aínda que afortunadamente o seu condutor resultou ileso.

Segundo informa o 112, todo ocorreu sobre as 21,00 horas da noite deste luns, cando o vehículo circulaba pola PO-225, no punto quilométrico 0,500. Foi un particular quen chamou ao servizo de emerxencias para alertar do ocorrido.

Ata o lugar desprazáronse, ao ser avisados polo 112, os axentes de Tráfico. Tamén foron informados a Policía Local, os efectivos de Protección Civil da localidade e o persoal do servizo de mantemento da estrada.

Aínda que nun primeiro momento non se apreciaron danos na estrutura da ponte, os xestores da central de emerxencias solicitaron a intervención de Adif para asegurar a avaliación de posibles danos. Finalmente, tras a retirada do camión, os técnicos de Adif confirmaron que o incidente fora totalmente liquidado, sen que afectase á estrutura.

Camión encaixado nunha ponte en Pontevedra
Camión encaixado nunha ponte en Pontevedra | Fonte: Emerxencias

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta