Morre un mozo de 31 anos en Oleiros durante unha liorta tumultaria de madrugada

O rapaz tería recibido "o impacto dun obxecto contundente". Xa hai dous detidos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 01/01/2020 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

Un mozo de 31 anos (E.G.C.) morreu na madrugada deste mércores, durante as celebracións do Ano Novo, tras participar nunha liorta tumultaria ocorrida no concello coruñés de Oleiros. Hai outro home detido.

O 112 tivo constancia deste suceso ocorrido no Hotel Aticca, na zona de Bastiagueiro, sobre as 6,00 da mañá. A esa hora, un particular solicitaba ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) asistencia sanitaria para un ferido.

Seguidamente, o servizo de emerxencias avisou a Urxencias Sanitarias-061, así como aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. A pesar de que os actuantes por parte do Instituto Armado trataron de reanimar ao mozo ata a chegada dunha ambulancia, os efectivos sanitarios personados no lugar tan só puideron confirmar o seu falecemento.

Detido
Detido | Fonte: GARDA CIVIL

DETIDOS

Dous homes foron detidos. Segundo informan fontes da Delegación do Goberno, na pelexa, participaron unhas 7 ou 8 persoas de dous grupos diferentes. A rifa comezou no interior do hotel e despois trasladouse ao exterior, onde ocorreu o fatal desenlace, sinalan fontes consultadas por Europa Press.

Personada no lugar, a Policía Local apresou ás 7,37 horas a un primeiro mozo de 27 anos, presunto autor da morte de E.G.C. Ao parecer, ambos non se coñecían. Horas despois, a Delegación do Goberno informaba dunha segunda detención relacionada con este suceso.

Ao parecer, hai testemuñas do ocorrido entre os familiares da vítima. A morte do novo, explican estas mesmas fontes, foi provocada probablemente "a causa do impacto dun obxecto contundente".

Deste xeito, o 112 solicitou a colaboración do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) por se fose necesaria a súa intervención para prestar apoio aos familiares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta