Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2020 | Actualizada ás 14:29
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusou ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de empregar a rede de escolas infantís da Xunta como "canle de propaganda electoral" ao fío dunha denuncia efectuada por un grupo de nais e pais usuarios dos centros, que expresaron o seu descontento polo envío dunha carta do mandatario adxunta a unha fotografía dos seus fillos.
Segundo detalla o Bloque nun comunicado, a inicios do mes de decembro as familias foron informados de que a Consellería de Política Social regalaría con motivo do Nadal unha foto dos nenos que se realizarían nos propios centros xestionados polo Consorcio Galego de Servizos Sociais e Benestar. Os traballadores das escolas recibiron instrucións de como entregar en man as fotos aos pais que deran a súa conformidade a recibila. Neste correo electrónico, segundo a versión do BNG, detallábase que no sobre tamén iría incluída unha misiva do presidente da Xunta.
"Diversos pais e nais trasladáronnos o seu malestar e desaprobación por esta actuación, que consideran un gasto superfluo, sen ningunha xustificación. Unha actuación que como mínimo se pode cualificar de electoralista porque estamos ante un caso descarado de uso de recursos públicos para promoción persoal do presidente da Xunta", asegurou a deputada nacionalista Montse Prado.
Así, tras preguntarse "ata cando vai o PP a seguir usando recursos públicos para a súa publicidade e propaganda", Prado avanzou sobre a presentación dunha iniciativa parlamentaria na que demandan explicacións polo caso. "O que critican as familias é que Feijóo non se dirixa a elas para darlles solucións a cuestións de moita relevancia pero si se comunique para facer propaganda da súa persoa", incidiu a parlamentaria, que denunciou que "os pais seguen esperando unha explicación polos casos de intoxicación alimenticia" ou "a falta de pediatras para atender aos seus fillos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.