A Universidade de Santiago lidera unha investigación sobre os beneficios dos ecosistemas mariños no benestar humano

O profesor Sebastián Villasante lidera o proxecto Ecoser, que busca promover a sustentabilidade ambiental, económica e social dos servizos ecosistémicos mariños en áreas naturais protexidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2020 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

O profesor da Universidade de Santiago (USC) Sebastián Villasante lidera o proxecto Ecoser, que busca promover a sustentabilidade ambiental, económica e social dos servizos ecosistémicos mariños en áreas naturais protexidas do territorio español para avaliar a súa contribución ao benestar humano.

Illas Cíes
Illas Cíes | Fonte: © Miguel Núñez

A investigación, da que forman parte tamén a Universidade de Vigo e a de Almería e o Instituto para o Crecemento Sustentable da Empresa, centrarase na avaliación deste tipo de servizos na Reserva Mariña de Lira, as Illas Cíes e o Parque Natural Cabo de Gata - Níjar.

Segundo informou a USC, unha análise da evidencia científica dispoñible e o desenvolvemento de diversas mesas e talleres participativos nos que interveñan investigadores, usuarios, membros da administración e do sector produtivo, entre outros, conforman a primeira fase de investigación.

A continuación, abordarase a contribución dos servizos ecosistémicos mariños ao cumprimento a curto prazo dos obxectos do Directiva Marco da Estratexia Mariña Europea de 2020 e, a longo prazo, dos obxectivos de Nacións Unidas de Desenvolvemento Sustentable de 2030.

O principal resultado ao que se espera chegar é a elaboración dunha guía para o manexo destes servizos en áreas naturais protexidas, a modo de protocolo, que recollerá a metodoloxía empregada para o desenvolvemento do proxecto, incluíndo as dificultades e boas prácticas, para que a guía sexa adaptable a outros casos en estudo e territorios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta