O Tribunal Supremo rectifica e avala a prohibición de alugar por habitacións vivendas de uso turístico en Galicia

A Xunta alegou que a sentenza anterior anulaba dous artigos xa incluídos nunha norma previa, algo que aceptou o Supremo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/01/2020 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo anulou a súa sentenza do pasado mes de outubro, na que se invalidaban dous artigos do decreto de regulación de vivendas turísticas de Galicia, e avalou a prohibición establecida pola Administración galega de que este tipo de establecementos poidan alugarse por habitacións.

O Executivo galego presentou en novembro un 'incidente de nulidade' ao fallo, tras entender que se vulnerou " o seu dereito á tutela xudicial efectiva", tendo en conta que a sentenza anulaba un artigo do decreto de vivendas turísticas que estaba contido xa na lei 7/2011.

Agora, o Alto Tribunal estima estas reclamacións e decidiu anular o fallo emitido, á vez que desestimou as alegacións presentadas pola Avogacía do Estado.

A Comisión Nacional do Mercado da Competencia (CNMC) e a Administración do Estado recorreron no seu momento ante o Supremo o fallo ditado en febreiro de 2018 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avalaba a decisión da Xunta de prohibir alugar por habitacións soltas as vivendas de uso turístico.

O outubro de 2019, o TS estimou parcialmente as súas reclamacións e instou a que se anulasen os artigos 4.2 e o 5.1 deste decreto, que fan referencia a que a cesión de vivendas turísticas e de vivendas de uso turístico "será da totalidade da vivenda, sen que se permita a cesión por estancias".

Nesta ocasión, con todo, o Alto Tribunal acepta as alegacións da Xunta, polo que decidiu anular ese fallo. Esta decisión implica que tanto as vivendas turísticas como as vivendas de uso turístico deben sempre comercializarse pola totalidade da vivenda e non por estancias, lembra a Administración galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta