A Xunta e o Concello de Santiago constituirán a próxima semana a comisión conxunta en materia de vivendas turísticas

O alcalde alerta dos pisos non rexistrados na cidade e lembra que a súa competencia é urbanística, á vez que pide máis control

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2020 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela constituirán "nos próximos días", ao longo da seguinte semana, a "comisión técnica e política" conxunta en relación ás vivendas de uso turístico da cidade.

Así o confirmou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que mostrou a súa satisfacción pola anulación da sentenza do Tribunal Supremo coñecida esta semana, que avala a norma autonómica e prohibe o aluguer por habitacións deste tipo de establecementos. "Parecíanos un descontrol absoluto", explicou.

Como xa se avanzou hai unha semana, a Xunta e o Concello de Santiago mantéñense en contacto en relación aos pisos de uso turístico e acordaron crear para debater sobre a materia un "grupo de traballo" no que participará a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pola parte autonómica, e os concelleiros de Turismo e Urbanismo, Sindo Guinarte e Mercedes Rosón, pola municipal. O grupo constituirase ao longo da próxima semana.

Sobre a magnitude da cuestión, no rexistro oficial da Xunta, explicou Sánchez Bugallo, constan en Santiago unhas 641 vivendas turísticas dadas de alta. "Pero os datos que manexamos é que hai un número moi superior", dixo o rexedor, que precisou que algúns destes establecementos non ofrecen prazas todo o ano, se non que son "intermitentes".

O municipio, lembrou, xa ten en vigor a ordenanza que bloquea novas vivendas deste tipo na cidade, unha moratoria na que tamén reclaman a implicación da Xunta.

Así, o alcalde indicou que as competencias municipais son exclusivamente urbanísticas, mentres que o ámbito turístico correspóndelle á Xunta, á que reclamou, entre outras cuestións, que habilite "un sistema de supervisión e control máis efectivo".

Catedral de Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo
Catedral de Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta