Temas: XUNTA FEGAMP RISGA

Os municipios critican a "excesiva lentitude" da Xunta na concesión das Risga

Política Social reúnese coa Fegamp para actualizar a Axenda Social Única, que desde 2016 cumpriu "o 96%" das medidas recollidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2020 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, remarcou a "excesiva lentitude" e "burocratización" da tramitación de axudas sociais de emerxencias, "por exemplo na concesión dunha Risga" --renda de inclusión social de Galicia--, polo que pide á Xunta un "reforzo" de persoal.

Así o manifestou o tamén alcalde de Vilagarcía de Arousa, en declaracións aos medios antes de participar, xunto á conselleira de Política Social, Fabiola García, e representantes de distintas entidades nunha reunión para avanzar na actualización dos retos da Axenda Social Única.

En palabras da conselleira, a Axenda Social Única é unha folla de ruta aprobada en 2016 entre o Goberno autonómico, a Fegamp e as entidades sociais e da cal "o 96 por cento" das medidas "xa están cumpridas grazas a un investimento de 162 millóns de euros". Así, a reunión deste martes, celebrada no Consello Económico Social (CES), en Santiago, tivo o obxectivo de renovar os seus retos.

A pesar de que tanto a titular de Política Social como o presidente da Fegamp coincidiron no "éxito" de moitas das medidas, Alberto Varela dixo esperar que a reunión deste martes "sirva para mellorar aqueles defectos" que os concellos "detectan" nalgunhas iniciativas postas en marcha.

"O que se detecta, e non o digo eu como alcalde ou como presidente da Fegamp senón os propios traballadores sociais, é unha excesiva lentitude, unha excesiva burocratización á hora da concesión de axudas de emerxencia, por exemplo na concesión dunha Risga", abordou.

ACUDIR "A ENTIDADES DO TERCEIRO SECTOR"

Neste sentido, explicou que "moitas veces" as administracións locais teñen que acudir "ás entidades do terceiro sector, que son as que poden funcionar con menos burocracia, para resolver" estas situacións "de emerxencia" que "non poden esperar".

Para corrixir esta situación e conseguir unha maior "inmediatez", avanzou que insistirá "na necesidade de reforzar o persoal de servizos sociais" dos concellos.

Pola súa banda, fontes da Consellería de Política Social explicaron a Europa Press que os prazos de espera non son responsabilidade única da Xunta, xa que na tramitación da Risga hai municipios que "triplican" ou, mesmo, "sextuplican" os tempos de xestión doutros.

PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS

Noutra orde de cousas, ambos os responsables públicos falaron sobre programas autonómicos como o de vivendas baleiras, destinado a "todas aquelas familias ou persoas que peor o están pasando", indicou Fabiola García.

No entanto, Alberto Varela apostou por "darlle a volta" a este programa, xa que no caso do Concello de Vilagarcía, un dos adheridos, "non conseguiu ser suficientemente atractivo" para que os propietarios se incorporen a esta iniciativa.

Nesta mesma liña, a conselleira de Política Social destacou a "mellora e ampliación" do programa Bono Alugueiro Social, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; e o programa 'Reconduce', que "xa evitou máis de 1.450 desafiuzamentos".

En definitiva, Fabiola García quixo dar a benvida a Alberto Varela á Fegamp e destacou a "cooperación leal e sincera" entre as dúas administracións. "Debe reinar sempre independentemente de que teñamos uns obxectivos ou prioridades distintas", incidiu.

Xunta Política Social Axenda Social Única De Galicia. Xunta de Galicia
Xunta Política Social Axenda Social Única De Galicia. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Temas: XUNTA FEGAMP RISGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta