Temas: IMAXE

Kim Deitch, mestre da novela gráfica

Unha obra de Kim Deitch,Na procura de Ed O riseiro!, editada por Rinoceronte, é a proposta da semana de Armando Requeixo. Unha novela gráfica que condensa o humor subversivo, a crítica social e a imaxinación rebordante que son característicos do seu autor.

Por Armando Requeixo | Ames - A Coruña | 06/09/2012 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Título: Na procura de Ed O Riseiro!

Portada da novela gráfica
Portada da novela gráfica

Autor: Kim Deitch

Tradutor: Rafael Salgueiro

Editorial: Rinoceronte

Lugar: Cangas

Ano: 2012

Páxinas: 167

Prosegue a súa meritoria andaina a colección de novela gráfica de Rinoceronte Editora, á que recentemente se engadiu a tradución dun dos últimos títulos de Kim Deitch, The Search for Smilin’ Ed! (2010).

Poder ler na lingua de noso a Deitch é todo un privilexio, pois no autor estadounidense temos a un dos mellores creadores mundiais no xénero, no que é un clásico en vida con máis de medio século de éxitos tras de si.

O título que agora se nos ofrece, Na procura de Ed O Riseiro!, condesa á perfección os trazos máis característicos do autor: imaxinación rebordante, onirismo surreal, humor subversivo, fonda crítica social e abondosas referencias á obra propia e á produción doutros artistas coetáneos.

Precisamente esa súa manifesta preferencia polas tramas delirantes fai difícil resumir o argumento desta novela gráfica, na que a presenza dunha estrutura hipodiexética que insiste na recursividade dunhas historias dentro doutras fai que os universos de contido se multipliquen vertixinosamente nun poderoso cadoiro de situacións, escenas e personaxes do máis variado.

Con todo, facendo abstracción do narrado neste caótico carrusel de imaxes, podería dicirse que Na procura de Ed O Riseiro! relata a investigación que o propio escritor leva a cabo para descubrir qué foi dun célebre presentador de televisión —moi popular no seu tempo entre o público infantil— que desapareceu en estrañas circunstancias. Na súa busca axudan ao autor algúns dos seus máis coñecidos personaxes, como o gato Waldo, o veterano Doc Ledicker ou o detective psíquico Miles Microft, entre outros.

A presente edición inclúe tamén unha valiosa introdución a cargo de Bill Kartalopoulos, quen realiza un completo repaso á traxectoria de Deitch, salientando convenientemente a importancia da súa contribución ao mundo da novela gráfica.

Parabéns, pois a Breixo Harguindey, a quen como director da colección corresponde o acerto na decisión de traduciir a Kim Deitch, e, sobre todo, congratulacións a Rafael Salgueiro, encargado de trasladar ao galego o intricado inglés coloquial no que se expresan os personaxes de Na procura de Ed O Riseiro!, moi grata entrega para o lectorado fiel ao xénero e intelixente aposta para aqueloutr@s que queiran abrir horizontes literarios.

Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta