Jácome sostén que "a única intermodal digna" pasa por "un AVE soterrado"

A "solución" de Democracia Ourensana para a permeabilidade do barrio da Ponte e a recolocación da estación de buses é o soterramento das vías.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, sostivo que "a única intermodal digna" para a cidade pasa por "un AVE soterrado" e tachou de "chapuces" o resto de "solucións" ou alternativas.

Así o manifestou este martes en rolda de prensa o tamén presidente de Democracia Ourensana acompañado polo concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride. Ambos sinalaron que "non apoiarán" ningunha concentración en contra da intermodal que non contemple a súa "gran reivindicación": o soterramento das vías.

O alcalde de Ourense xa solicitou unha cita coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e Adif para trasladarlle a súa petición. "Non queremos sucedáneos como a proposta do PSOE de desprazar as vías", recalcou o alcalde de Ourense.

DO aspiran a que "polo menos", de cara ao futuro, "se lles escoite" e engaden que non van quedar "de brazos cruzados vendo como colocan un artificio horroroso de formigón no medio da cidade". Democracia Ourensana non conta, polo momento, co apoio dos seus socios de goberno no Concello. Os populares manifestáronlle que "comprenden" a súa posición pero "non decidiron sumarse a ela".

"CASE NON HAI MARXE DE MANOBRA"

No entanto, desde Democracia Ourensana mostráronse realistas ao recalcar que "é máis que improbable que se aborde agora unha solución de modificación do proxecto". "Hai que partir de feitos consumados e o certo é que as obras xa están en marcha", sinalou Miguel Caride.

Así mesmo, insistiu en que non van tentar parar "todo o que agora está en marcha", por temor aos "graves atrasos que estes exporía". A única paralización que verían adecuada sería a que daría paso ao soterramento das vías.

Nesta liña foron as declaracións de Jácome, que sinalou que "Ourense tampouco pode esperar máis pola chegada do AVE a Madrid". Ao seu entender, a súa proposta é a única que contempla unha "permeabilidade real do barrio da Ponche e a recolocación da estación de autobuses".

Desde Democracia Ourensana entenden que a "viabilidade" do proxecto deberá ser determinada polos enxeñeiros, pero pon como exemplo o caso de Murcia para sinalar que "só se trata dunha cuestión económica". No entanto, Jácome considerou que "non se soterrará o AVE, nin chegará o variante norte, nin se fará real o proxecto de estación intermodal de Norman Foster", senón que "Ourense terá unha estación low cost".

HOTEL TERMAL

Por outra banda, o alcalde avanzou a idea de que o edificio do antigo cárcere se converta nas novas dependencias da UNED en Ourense. Deste xeito, "perde forza" a proposta sempre exposta dun posible aproveitamento termal desta localización para emprazar un hotel balneario. "As dimensións do antigo cárcere son moi pequenas para a construción dun hotel de luxo, polo que se requiriría da construción de numerosos anexos".

Pola súa banda, o edil de Infraestruturas apoiou a proposta do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, de situar o hotel balneario nas actuais dependencias do Pazo provincial no centro da cidade, por "adecuado tamaño, distribución e empaquetado deste edificio". Con todo, a opinión de Jácome non coincide porque considera que "un hotel de cinco estrelas debe ter unha contorna idílica e a localización da Deputación de Ourense non o é".

Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense | Fonte: Europa Press

MINISTRA DE ASUNTOS EXTERIORES

A ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, Arancha González Laya, asegurou este martes, a través das redes sociais, que o AVE a Galicia "estará listo "para xaneiro de 2022", co consecuente atraso sobre os prazos previstos que supón esa data.

Nun tuit, a ministra faise eco do comunicado da Comisión Europea da semana pasada no que se informaba dun investimento de 226 millóns para as obras do tramo entre Lubián (Zamora) e Taboadela, á vez que se incluía unha previsión de que o AVE a Galicia non estará listo ata xaneiro de 2022.

Sobre esta data, a pasada semana fontes de Adif consultadas por Europa Press aseguraban que estaría "moito antes", aínda que deixaban claro que a posta en servizo dependerá do visto e prace da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria tras o período de probas, mentres se mantén o ritmo de execución.

Pola súa banda, fontes do Ministerio de Fomento sinalan que o prazo ao que fai referencia a CE é "de cautela para non perder fondos" e "para non pillar os dedos", "pero non hai obrigación de esgotar" esa data, "nin moito menos". "Ese prazo non é o noso", afirmaban a pasada semana. "Mantemos a programación que demos de finalización das obras este ano", aseguraban estas mesmas fontes de Fomento a Europa Press, aínda que incidían en que a posta en servizo depende das probas, sen data concreta porque se prima "a importancia da seguridade".

XUNTA DE GALICIA

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, considerou "fundamental" para a celebración do próximo Ano Santo, que terá lugar en 2021, que o AVE a Galicia estea en funcionamento "en tempo e prazo".

Preguntado polo feito de que a Comisión Europea fixase a súa finalización en xaneiro de 2022 mentres que Adif asegura que será un ano antes, Román Rodríguez asegurou que "as mentiras son coxas". "A Xunta de Galicia marcou unha data, o ministerio negouna e, agora, parece que Bruxelas certifica que a data da Xunta era a real e que a do ministerio non era a que se dicía", manifestou.

Román Rodríguez considerou que é "unha mala noticia" que haxa "un novo atraso" que, na súa opinión, "é consecuencia dun ano de parálise e inestabilidade política".  Así, indicou que este atraso é "unha preocupación" para Galicia tendo en conta que "sería fantástico" que no ano 2021, coincidindo coa celebración do Xacobeo, algunhas persoas puidesen "comprar o seu billete" para viaxar a Galicia e que os galegos que necesitasen ir a Madrid "puidéseno facer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta