Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 14:44
A Plataforma por un Tren Digno Ourense pide á Xunta, ao Ministerio de Fomento e Adif que "paralicen as obras" da estación intermodal da cidade e "leven a cabo o proxecto de Foster gañador do concurso", ao tratarse do "único viable e con posibilidades" para que a cidade conte cunha infraestrutura "de futuro".
Calquera outro, advirte, "non sería unha intermodal real e efectiva". Así o explicou este xoves o portavoz da plataforma, Jesús María Pérez, onde tamén anunciou unha concentración para o vindeiro martes, 28 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Praza da Estación. A plataforma pediu a toda a cidadanía, "independentemente da cor política", que se animen a participar nesta protesta co "único obxectivo dunha intermodal digna para Ourense".
Pérez denunciou as "graves consecuencias" que tería o actual proxecto de intermodal. Entre elas, "o muro de nove metros de altura que discorrerá por toda a Avenida de Marín; ou o estrangulamento "de maneira grave" do tráfico na rúa Eulogio Gómez Franqueira, que conta "cun volume de circulación estimada de 300 autobuses diarios, aos que hai que sumar o tráfico particular rodado e a parada de taxis".
Así mesmo, criticou a localización da futura estación de autobuses, que estaría pegada ao centro de saúde da Ponte. "As dársenas practicamente unidas ao seu contorno levarán a curto prazo á inviabilidade do propio centro de saúde", sinalou o portavoz da Plataforma.
Neste punto, tamén entenden que desde a Xunta de Galicia se recoñece "implicitamente que vai existir unha contaminación acústica por parte dos autobuses no centro de saúde e chegan a falar de insonorización".
ALGO MÁIS QUE "UNHA CHAPUZA"
Seguindo cos agravios, censuraron que non exista "unha verdadeira variante exterior e que non se delimite realmente a conexión dos barrios", ao entender que se segue dividindo o barrio da Ponte co do Vinteún.
"Ourense merece algo máis que chapuza, merécese unha estación digna. A edificación vai perdurar no tempo durante décadas e non podemos permitir que se constrúa esta barbaridade de estación intermodal que nos queren vender", sinalou Pérez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.