Feijóo: "Galicia e o mundo terían unha liberdade máis pobre se se deixara de facer xornalismo autonómico"

Francisco Campos, "Paco de Andrés", premio Diego Bernal 2020, expón o "reforzo da confianza social" como "vitamina" do xornalismo. O seu amigo, veciño e compañeiro de profesión Xosé López destaca a "súa honestidade, lealdade, paixón e diálogo".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 23/01/2020 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

"Contemplar España, Europa ou o mundo con óptica galega non é un xornalismo miope. De feito Galicia e o mundo terían unha liberdade máis pobre se algún día estas ópticas deixasen de ser as que exerce o xornalismo autonómico". Foi unha das reflexións que deixou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo durante a entrega do Premio Diego Bernal 2020, que este ano recibiu o xornalista lugués e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Francisco -Paco- Campos.

Entrega do premio Diego Bernal 2020 a Francisco Campos Freire. XUNTA
Entrega do premio Diego Bernal 2020 a Francisco Campos Freire. XUNTA | Fonte: Europa Press

Un galardón que o ex director xeral da CRTVG recolleu reivindicando a necesidade de reforzar "a confianza social" como unha "vitamina" para "conformar unha esfera pública plural e diversa do xornalismo actual. Así, no seu discurso fixo un repaso pola transición que se deu do século XX ao XXI no mundo do xornalismo e destacou que, calquera outro escenario, deixa unha sociedade "orfa" fronte á "contaminación das 'fakenews' e as tentacións populistas". Con todo, para poder recuperar este papel do xornalismo no espectro democrático, é preciso "o apoio das institucións", que "doten de recursos" aos profesionais.

Na mesma liña, quixo resaltar a situación dos medios públicos, que "sofren as consecuencias da crise de gobernación", e de Galicia, que é "referente" no sector audiovisual xunto co País Vasco, despois de Madrid e Cataluña. E tampouco se esqueceu dos problemas que existen no xornalismo actual relacionados coa sustentabilidade dos medios, a precariedade ou a transición ao multimedia.

Ao seu xuízo, Galicia "precisa de medios propios e estables" para facer fronte ao proceso de transición tecnolóxica, así como o xornalismo segue sendo "necesario para garantir a calidade democrática e a cohesión da cultura e a lingua", unha profesión "que volvería escoller de novo", concluíu.

'OS DE ANDRÉS' SON BOA XENTE

Para presentar ao premiado, o tamén profesor da USC na Facultade de Ciencias da Comunicación Xosé López -Morgan- dedicou unhas palabras ao seu "amigo" e "veciño" ao facer un repaso por toda a súa traxectoria desde a temperá mocidade na parroquia de Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo) ata o día de hoxe.

Os camiños de López e Campos foron paralelos en moitas ocasións, Xosé describiuno como un mozo "curioso e inquedo" que se converteu nun home caracterizado pola "curiosidade, o esforzo, a constancia, o talento, a honestidade, a lealdade, o coñecemento, a visión, a paixón e o diálogo". Iso si, tamén destacou a súa faciana "neoliberal" e a súa volta ao rural "cunha explotación de mazás para facer sidra".

As moitas diferenzas que os separan ideolóxicamente non son máis que as que os unen como persoas. López volveu a "as súas raíces" en Ribeiras de Lea, onde se coñeceron e onde asegura que empeza a procura de Campos "por un mundo mellor". Unha conclusión á que o profesor engadiu as palabras que lle trasladou a súa nai antes de vir ao acto e que el "só ratifica": "'Os de Andrés son boa xente".

ÓPTICA GALEGA

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recorreu a 'Apocalípticos e integrados' do escritor italiano Umberto Eco para definir a Francisco Campos. "Non é nin apocalíptico, nin integrado. É galego". Así, destacou que "se axunta o teórico da comunicación, o docente e o mais complicado, o xestor" que, "sen abandonar nada diso, mantén a alma de xornalista".

Liña seguinte, Feijóo subliñou a "gran virtude da prensa galega" que segue caracterizándose pola "proximidade", onde "o local adquire dimensión global e o global trátase coas pautas do local". "Contemplar España, Europa ou o mundo con óptica galega non é un xornalismo miope. De feito, Galicia e o mundo terían unha liberdade máis pobre se algún díaestas ópticas deixasen de ser as que exerce o xornalismo autonómico, explicou.

Ademais, para concluír Feijóo recuperou as palabras de Xosé López e apuntou a que "'Os de Andrés' son discretos, agudos e neoliberais", cuestións que "non son menores", tanto "como ser un bo galego". "Xa me gustaría a min que dixera iso de min un galeguista de esquerdas", chanceou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta