Máis de 200 profesionais e 30 espectáculos concorren aos XXIV Premios María Casares

Logo dunha primeira rolda de votacións da que resultarán os finalistas, a gala de entrega dos galardóns celebrarase o 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Por E.P. | A CORUÑA | 24/01/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Un total de 30 espectáculos e máis de 200 profesionais concorren aos XXIV Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, Fundación SGAE e Fundación AISGE.

Segundo informa a organización, o proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da asociación, finalizou o pasado 8 de xaneiro rexistrando "unha gran participación".

Estas montaxes postúlanse nas catorce categorías nas que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.

Tras esta primeira fase de inscrición, a AAAG inicia a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Desta maneira, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores.

Esta primeira rolda de votacións terminará o 17 febreiro. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro na tradicional 'festa de finalistas' dos Premios de Teatro María Casares.

Estes galardóns entregáronse por vez primeira en 1997 e desde aquela son "o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión do sector", subliñan os promotores.

Durante a gala, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o manifesto galego no Día Mundial do Teatro. Este ano, a gala de entrega dos galardóns celebrarase o 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo
Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta