Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/01/2020 | Actualizada ás 14:50
Este domingo coñecíase unha nova enquisa de Sondaxe, a empresa demoscópica propiedade de La Voz de Galicia. Unha enquisa que apuntaba a unha axustada vitoria de Alberto Núñez Feijóo por maioría absoluta, pero só con 38 escanos. Quen sabe de enquisas non dubida en apuntar a "cociña" que hai detrás deste novo estudo, sobre todo, polo interese deste xornal coruñés en apuntalar unha nova maioría do líder do PP en Galicia.
Precisamente, os que falan de "cociña" apuntan varios datos, cando menos, "incongruentes". Entre eles, que En Marea saque máis porcentaxe de votos que Vox, que Ana Pontón teña máis puntuación que Feijóo, pero o BNG como formación política, suspenda e teña peor nota que a maioría das formacións política, ou a diferencia entre voto real e preferencia de voto.
As enquisas non deixan de ser enquisas pero, ben é certo, que teñen unha intención clara de manipular e influir na opinión pública, especialmente, de cara ás eleccións galegas deste ano. A principal conclusión que se saca do estudo "cociñado" de La Voz de Galicia --que, por outra banda, é o xornal máis subvencionado polo PP na historia recente da democracia galega--, é que Feijóo é o único dirixente popular que pode volver sacar unha maioría absoluta, aínda que non estea, por agora, segura.
Pero tamén hai outras pequenas conclusións: que todo o que está á dereita en Galicia é do PP -- algo difícil de dixerir tendo en conta os case 8% de votos acadados por Vox en Galicia, ou os 4,32 de C's, hai escasamente tres meses-- ou que na esquerda non hai un partido realmente consolidado como alternativa seria a Feijóo. De feito, o xornal coruñés apoia claramente o liderato de Ana Pontón ao fronte do BNG, pero non o de Gonzalo Caballero.
DÚAS POSIBILIDADES
Lonxe de enquisas que non deixan de ser visións interpretadas de certa realidade política, o certo é que o panorama electoral galego albiscase como complicado. As únicas dúas opcións son: ou a repetición de Feijóo como presidente con maioría absoluta ou un goberno de esquerdas con tres ou catro partidos.
E é aquí, nesta segunda opción, onde a esquerda ten que deixar de lado as eternas loitas de galos para manter unha postura coherente de cara ao seu electorado e, sobre todo, para dar a imaxe de unidade ante unha hipotética derrota do Partido Popular. E isto, implica cesións e unidade de acción. Unha idea que comparten moitos militantes, pero non así, certos dirixentes destas formacións.
UNIDAS PODEMOS-ANOVA E BNG-EN MAREA
O PSdeG presentarase só, mentres que do outro lado da esquerda e do nacionalismo aínda hai dúbidas sobre acordos electorais. Unidas Podemos e Anova levan semanas vendo o xeito de artellar unha coalición electoral e, especialmente, analizando quen pode liderar esa fronte no caso de que se formalice. E entre os nomes que se barallan están os de Antón Gómez-Reino, Martiño Noriega e mesmo, últimamente, Xulio Ferreiro.
No lado nacionalista está por ver se se consolida, finalmente, un pacto entre o BNG e En Marea para unificar o nacionalismo nunha única candidatura. Polo momento, hai dificultades, non tanto por siglas --poderianse manter as do BNG--, senón pola integración dos dirixentes de En Marea nesa candidatura. E, aí, o principal problema son as reticencias da cúpula do Bloque de colocar a Luís Villares nun posto digno.
Se, finalmente, nin Unidas Podemos e Anova, nin o BNG e En Marea, artellan frontes comúns, poderiase dar o caso dunha esquerda e nacionalismo en Galicia con cinco opcións políticas diferentes. Un escenario que favorecería, claramente, ao PP que non descarta chegar a un pacto co Cs para integralo nas súa slistas.
CRÍTICAS
Polo momento, e á espera desa unidade de acción PSdeG, Común da Esquerda e BNG coincidiron este luns ao asegurar que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está "nervioso" ante a celebración das próximas eleccións autonómicas, e criticaron que utilice as institucións galegas para "confrontar" co Goberno central.
Deste xeito, nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, acusou ao máximo mandatario autonómico de converter o Consello da Xunta en "a xunta directiva do PP".
Pola súa banda, Luca Chao (Común dá Esquerda) acusou ao PP de "non asumir a democracia", á vez que afirmou que Feijóo "o fía todo á oposición ao Goberno no Estado", xa que "carece de proxecto para Galicia".
Nesta liña, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Ollala Rodil, cargou contra a "falsa confrontación" que exerce un Alberto Núñez Feijóo "nervioso" porque cada vez máis galegos queren un "cambio político real" en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.