O escenario que lle agarda ás cidades galegas: aumento das temperaturas máximas até 7 ºC e até 40 días ao ano de calor extrema

Investigadores avisan tamén dun aumento no número de vagas de calor ao longo deste século e piden ás autoridades competentes que comecen a tomar medidas para adaptar as urbes ao cambio climático. Ourense sería a cidade máis afectada.

Por Alberto Quian | Madrid | 28/01/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

De 5 a 7 graos máis nas temperaturas máximas a finais do século XXI e máis días de calor extrema. Ese é o prognóstico que se fai para as principais cidades galegas no peor dos escenarios do cambio climático.

Día de sol y calor en Santiago de Compostela
Día de sol y calor en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Os datos aparecen nun traballo asinado por investigadores do Laboratorio de Física Ambiental Ephyslab da Universidade de Vigo e do Grupo de Física Non Lineal da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar as variacións futuras na temperatura máxima nas sete principais cidades galegas: Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense.

Para os cálculos, usaron datos de temperatura máxima de 12 modelos climáticos rexionais do proxecto CORDEX  (Coordinated Regional Climate Downscaling Experiment), unha iniciativa internacional coordinada polo Grupo de Traballo sobre Clima Rexional (GTCR), do Programa Mundial de Investigación do Clima, para organizar un marco coordinado internacionalmente para producir proxeccións rexionais melloradas sobre o cambio climático para todas as rexións terrestres do mundo, e que ten en Europa a súa plasmación no Euro-Cordex.

"Destacan Ourense ou Santiago, cun aumento aproximado de 0,7 ºC por década. Pola contra, A Coruña e Ferrol serán as que menos sufran dito aumento, con valores por baixo dos 0,5 ºC por década"

A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríase diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP 2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP4.5 e RCP6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. Este último escenario é co que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases. É, precisamente, co que traballaron os científicos galegos.

“A tendencia da temperatura máxima é claramente ascendente ó longo do s. XXI (2006- 2099) nas 7 cidades. Destacan cidades coma Ourense ou Santiago, que presentan un aumento aproximado de 0,7 ºC por década. Pola contra, as cidades da Coruña e Ferrol serán as que menos sufran dito aumento, con valores por baixo dos 0,5 ºC por década”, aportan os autores do traballo, que consideraron para os seus cálculos só a estación cálida (xuño-setembro),

ESCENARIO ANTERIOR

A evolución interanual e a tendencia da temperatura superará os valores históricos entre 1980-2005, período no que as temperaturas máximas aumentaron de media nas cidades galegas aproximadamente 0,4 graos por década.

Unicamente nas cidades de A Coruña (0,31 graos) e Ferrol (0,37) o valor de tendencia nese período estivo por debaixo dos 0,4 ºC/década, estando no resto de urbes lixeiramente por riba desta cifra, dándose os maiores valores en Pontevedra (0,43), Santiago e Ourense (0,42 ambas as dúas).

“En todas as cidades, a temperatura máxima aumenta de maneira constante durante todo o intervalo temporal. Se se analiza este crecemento dunha maneira máis particular, podemos observar que o maior incremento en todas as cidades deuse a partir do ano 1995, rexistrándose os valores máis altos da serie en torno ó ano 2000”, detallan os científicos.

Os datos recollidos a partir de 2006 até o presente, máis as previsións futuras que se calculan en base aos datos históricos e tendencias, prognostican un escenario aínda peor para as próximas décadas.

"Para finais de século está previsto que as medias anuais das temperaturas máximas excedan os 30 grados en Ourense, e os 28 grados en Vigo e Pontevedra, quedándose Santiago tamén preto dese valor"

Ao ritmo actual, a finais de século as temperaturas máximas poderían estar até 7 graos por enriba dos valores de principios da centuria en Ourense e Santiago, sendo as cidades galegas máis afectadas.

“Atopamos unha maior oscilación nos valores de tendencia e de desviación estándar en comparación co período histórico. O valor mínimo da tendencia futura da temperatura máxima é de 0,4 ºC/década na Coruña e o valor máximo é de 0,69 ºC/década en Santiago, polo que se pode apreciar unha diferenza relativamente significativa de case 0,3 ºC/década entre ambas cidades”, salientan os investigadores.

Tan só a cidade da Coruña queda claramente por debaixo do valor de 0,5 ºC/década, mentres que Ferrol, está xustamente no límite, con 0,49.

Ourense, cun incremento por década de 0,68 graos, sería a segunda urbe máis afectada, seguida por Pontevedra (0,62), Lugo (0,6) e Vigo (0,57).

Así, o incremento medio das temperaturas máximas das sete principais cidades de Galicia será de 0,58 graos por década, case 6 graos ao final deste século.

“A temperatura máxima mantense nunha ascensión dos seus valores para as 7 principais cidades de maneira constante durante todo o intervalo temporal”, introducen os científicos, que engaden: “Vese que para finais de século está previsto que as medias anuais das temperaturas máximas excedan os 30 grados en Ourense, e os 28 grados en Vigo e Pontevedra, quedándose Santiago tamén preto dese valor. Na cidade da Coruña espéranse as máximas máis baixas para finais de século, con valores próximos ós 23 grados”.

DÍAS CON TEMPERATURAS EXTREMAS

A evolución interanual e a tendencia no número de eventos extremos futuros mostra que tamén aumentarán os días de calor extrema, con valores que oscilan entre 2,57 máis días/década en Ferrol e 4,14 en Ourense. En Pontevedra serán 3,72, en Vigo 3,58, na Coruña 3,28, en Lugo 2,9 e en Santiago 2,89.

“Podemos apreciar como en todas as cidades o risco de eventos extremos futuros vai aumentando de maneira progresiva”, comentan os investigadores.

Os eventos extremos de calor pasarán de menos de 20 días por ano a preto de 40 días a finais de século nalgunhas cidades

“Ourense é a cidade con maior risco de sufrir este tipo de situacións extremas no futuro. Despois de Ourense, Vigo e Pontevedra son as cidades que mostran un maior incremento no número de días extremos, polo tanto, neste caso vemos que o sur da comunidade se verá máis afectado por este tipo de eventos ó longo do século XXI”, conclúen a partir dos datos.

Neste escenario, proseguen, “o número de días de temperatura extrema vai sufrir un marcado ascenso se se compara co período histórico".

"Segundo os nosos estudos e análises, nas primeiras décadas do século XXI ningunha cidade supera o valor de 20 días con temperaturas extremas por ano e, sen embargo, se nos fixamos na recta final do século, xa nos atopamos con valores preto de 40 días por ano" nalgunhas cidades. É dicir, "estamos a falar dun aumento que suporía literalmente o dobre de eventos extremos para estas cidades", detallan.

MÁIS VAGAS DE CALOR

Os valores de tendencia do número de vagas de calor son semellantes para todas elas, coa excepción de Ferrol, que mostra un valor algo menor, cun aumento de 0,38 vagas/década.

Vigo e Ourense (0,53 ambas as dúas), son as urbes con maior posibilidade de sufrir vagas de calor ao longo do século, canda Pontevedra (0,52). Séguenas A Coruña (0,44), e Santiago e Lugo (0,41).

Ourense sería a cidade máis castigada polas vagas de calor a finais deste século, cunha media de 5,3 por ano; Ferrol sería a que menos padeza estes eventos, con 3,8

“Durante a primeira metade do século a presenza de vagas será máis ou menos constante, agás nalgúns picos arredor do ano 2030 para Ourense, Santiago, Pontevedra e, nunha menor medida, A Coruña", describen.

Os investigadores sinalan Ourense como a urbe co "pico máis elevado, cunha media aproximada de cinco vagas (media exacta de 5,3) a finais do século, sendo así a cidade que máis posibilidades ten de ser afectada por este fenómeno climatolóxico".

Pola contra, Ferrol presenta unha "media aproximada de tres vagas (case catro, pois a media exacta é de 3,8) ao cabo do século", sendo a urbe "menos afectada polo fenómeno das vagas de calor”, explican os autores.

ALERTA ESPECIAL PARA OURENSE

Os científicos lanzan unha alerta especial para Ourense, cidade “na cal as temperaturas ‘anormalmente’ elevadas son máis comúns que noutras cidades”, polo que o feito de que “se incrementen todavía máis estes valores de temperatura pode dar lugar a situacións de gravidade extrema, coma por exemplo pode ser un aumento drástico na porcentaxe de mortes a causa dos aumentos de temperatura e da aparición de eventos extremos e vagas de calor con maior frecuencia e en maior cantidade ca noutras localidades”, advirten.

“O aumento da temperatura máxima xa é un problema importante no presente, pero vai camiño de converterse nun problema máis grave no futuro”

Pero a alerta é extensible ao resto de urbes: “En cidades coma Ourense ou Santiago atopámonos con valores de aumento de aproximadamente 6-7 ºC nos valores de temperaturas máximas para o período de estudo futuro (2006-2099), superando en 3 ºC a outras cidades coma A Coruña. E neste ámbito de estudo, unha diferenza de 3 ºC é moi significativa”, destacan os investigadores.

“O aumento da temperatura máxima xa é un problema importante no presente, pero vai camiño de converterse nun problema máis grave no futuro”, avisan.

AVISO A POLÍTICOS

Coa súa achega buscan a “concienciación dos diferentes gobernos e das diferentes institucións relevantes neste ámbito, para poder así ter a capacidade futura de poder establecer algún tipo de plan preventivo, para evitar que se chegue a escenarios tan bruscos e dramáticos como o é o escenario RCP 8.5”.

Particularmente, apelan aos gobernos locais, que “terán que tratar de aplicar plans e medidas eficaces para seren capaces de levar a cabo un proceso de adaptación ao novo escenario que se lle presentará nas vindeiras décadas da mellor forma posíbel, intentando sufrir os mínimos danos durante o proceso”.

O traballo publicouse co título ‘Proxeccións futuras de eventos extremos de temperatura e vagas de calor nas principais cidades galegas’ no último número da revista científica-docente Avances en Ciencias de la Tierra (volumen 9, decembro 2019), editada polo EPHYSLAB en colaboración coa Asociación Ambiental ESCLIMA.

OUTROS ESTUDOS

Os resultados deste traballo están na mesma liña que outros estudos previos feitos sobre o caso galego. Así, por exemplo, unha investigación realizada por xeógrafos da Universidade de Santiago de Compostela indicou que, desde 1950 ata o presente, a capital de Galicia pasou de 33 días de verán, con temperaturas que alcanzan ou superan os 25 graos, a máis de 60. 

Outro estudo climático, coordinado neste caso polo Departamento de Física da Universidade de Aveiro (Portugal), concluíu que A Coruña pasará de 1,14 ondas de calor e 4,43 días de calor extrema ao ano (datos do período 1986–2005), a 2,14 episodios de calor extrema e 10,48 días ao ano entre 2046–2065. Pero o peor chegará a finais de século, con até tres ondas de calor en 15,62 días ao ano no período 2081–2100.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta