Sanidade asegura que os hospitais comarcais están nas súas "prioridades"

O deputado do PPdeG Carlos Gómez di que o Goberno de Feijóo fixo o "maior investimento en sanidade" da Xunta de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 20:53

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que os hospitais comarcais están nas "prioridades" da Xunta e "blindados" na Lei de Saúde coa creación dos "distritos sanitarios".

Almuiña pronunciouse deste xeito en resposta ás preguntas formuladas no pleno da Cámara polos deputados Julio Torrado (PSdeG) e Carlos Gómez (PPdeG) que foron debatidas de forma acumulada.

Na súa intervención, o conselleiro sostivo que a estrutura configurada pola Lei de Saúde permite "gañar en equidade" e "proporcionar servizos complexos" nestes centros. Así, indicou que se evitan os desprazamentos dos pacientes e se achega a atención aos seus lugares de residencia.

Deste xeito, referiuse á implantación do modelo de xestión integrada do Sergas que, conforme sinalou, permitiu que pacientes de Verín e de Valdeorras evitasen "miles de viaxes" a Ourense para consultas ou probas de especialidade como cardioloxía, dixestivo, endocrinoloxía, neuroloxía, oncoloxía médica ou reumatoloxía.

Todos estes servizos, apuntou, estaban tradicionalmente fóra da carteira das comarcas e, ata hai pouco, só se ofertaban no Hospital Universitario de Ourense.

INVESTIMENTOS EN VERÍN

No caso concreto do hospital verinés, Almuiña destacou que se aumentou o persoal, pasando de 254 a 298 profesionais. Así, sinalou que se contrataron dous médicos, ata os 39, e que as prazas de persoal sanitario se incrementaron de 179 a 208. Todo iso mentres que os directivos diminuíron de catro a dous.

Ademais, no que respecta ás infraestruturas, sinalou que xa está licitado, por un importe de 156.903 euros, o proxecto básico e de execución da ampliación de urxencias da PAC, así como actuacións de mellora da eficiencia enerxética por un importe similar.

"O investimento previsto para estas actuacións é de ao redor de 3 millóns de euros", destacou o conselleiro.

CRÍTICAS DOS SOCIALISTAS

En fronte, o deputado socialista Julio Torrado asegurou que existe entre a cidadanía a percepción de "perda de servizos e de profesionais" nestes hospitais e preguntoulle ao conselleiro se a Xunta "van profundar nesa idea" e "baleirar os comarcais".

Pola súa banda, o deputado do PPdeG Carlos Gómez asegurou que o Goberno de Feijóo fixo o "maior investimento en sanidade" da Xunta de Galicia e aproveitou para subliñar que o diñeiro que o Estado debe a Galicia poderíase destinar a ampliar e mellorar os servizos sanitarios.

Enterro simbólico dos servizos do Hospital de Verín. XUNTOS POR VERÍN - Arquivo
Enterro simbólico dos servizos do Hospital de Verín. XUNTOS POR VERÍN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta