Temas: VILAGARCíA PP

Alfonso Gallego dimite como presidente do PP de Vilagarcía e deixa a política por razóns "persoais e profesionais"

Elena Suárez, Ana Granja e a deputada autonómica Marta Rodríguez Arias encabezan a xestora que toma as rendas da formación.

Por Europa Press / Redacción | Vilagarcía de Arousa | 30/01/2020 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O ata agora presidente do Partido Popular de Vilagarcía e cabeza de lista nas últimas eleccións municipais, Alfonso González Gallego, anunciou que abandona tanto o seu cargo como a súa acta de concelleiro e deixa a política en activo por razóns "persoais e profesionais".

Alfonso Gallego (dereita) e Alfonso Rueda
Alfonso Gallego (dereita) e Alfonso Rueda | Fonte: PP de Vilagarcía.

"A miña familia e as miñas fillas ocupan un lugar preferente na miña vida e as miñas obrigas laborais non se poden resentir pola miña vertente política. Por iso, e entendendo que cumprín unha etapa na miña vida, déixoo. É unha decisión meditada e sopesada e espero que conte co respecto e a comprensión de todos", explicou o propio Alfonso Gallego.

O paso á beira dado por Gallego leva a renuncia ao cargo de presidente local e á acta de concelleiro na corporación de Vilagarcía. Así llo comunicou aos integrantes do comité executivo nun encontro no que estivo presente o presidente provincial, Alfonso Rueda e o secretario xeral de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Así as cousas, a formación queda en mans dun equipo provisional liderado pola candidata ao Congreso Elena Suárez, a concelleira Ana Granja e a deputada autonómica Marta Rodríguez Arias.

Este equipo, segundo destaca o PP de Vilagarcía, será o encargado de pilotar unha transición "tranquila e ordenada" que culminará co nomeamento dunha xestora, órgano que dirixirá o PP local durante os próximos meses.

"O PP non se vai deter nin un minuto. Miramos cara adiante porque temos moito traballo por facer e moitos obxectivos que alcanzar. Acaba unha etapa e arrinca outra sen perder nadiña de nada da seriedade, o traballo e a estabilidade que sempre caracterizan e definen o Partido Popular", sinalou Alfonso Rueda aos integrantes do comité executivo local.

DESPEDIDA ANTE O SEU EQUIPO

Alfonso Gallego informou da súa decisión aos máximos responsables do partido e aos integrantes do comité executivo antes de comunicalo á cidadanía. "Porque creo que é como se debe de facer e como a min sempre me gustou facelo", apuntou.

"Foron dous anos e medio moi intensos para min nos que a miña vida cambiou, coñecín e vivín outra cara da política e tiven a oportunidade de ofrecer a Vilagarcía a miña visión dun proxecto de futuro. Pero hoxe poño punto e final a esta etapa", sinala.

O ata agora presidente do Partido Popular en Vilagarcía quixo darlle as grazas a todos os que sumaron o seu apoio dunha ou outra maneira durante este tempo.

"Lévome grandes amigos do meu paso polo partido e considérome un afortunado por poder axudar á cidadanía. Deséxolle un gran futuro ao PP porque sei que estará en boas mans e desde a miña nova posición de afiliado de base seguirei axudando en todo o que se me necesite", engade.

Temas: VILAGARCíA PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta