Unha operación antidroga entre Galicia e Madrid sáldase con 11 narcos detidos

O traballo dos cans detectores de droga foi fundamental para achar parte da heroína que se atopaba enterrada entre terra e lodo.

Por E.P. | A CORUÑA | 03/02/2020 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

Once persoas foron detidas no marco dunha operación antidroga levada a cabo de maneira conxunta entre Garda Civil e Policía Nacional, e na que se incautaron 20 quilos de heroína. Entre os detidos atópase un matrimonio de Carballo e un albanés residente na Illa de Arousa.

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, xunto co xefe superior accidental de Policía de Galicia, José Luís Balseiro; e o xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina, informou desta operación antidroga na que se realizaron detencións en localidades de Galicia e Madrid.

En total, foron realizados catro rexistros en domicilios da Illa, Vigo, Carballo e Madrid, así como unha nave industrial en Humanes (Madrid). Foron incautados 20 quilos de heroína, 40.000 Euros en efectivo, 11 vehículos, unha escopeta e unha arma simulada, maquinaria de envasar ao baleiro e numerosos teléfonos e computadores.

A Operación comezou a mediados do mes de xaneiro de 2019, cando a Garda Civil tivo constancia dun significativo repunte da venda de sustancias estupefacientes na localidade coruñesa de Carballo. A Garda Civil da Coruña, centrou a súa investigación en Goiáns, controlando un domicilio onde residía unha parella, ambos con numerosos antecedentes por tráfico de drogas.

DESPRAZAMENTOS A MADRID

Tras manter un control exhaustivo sobre este domicilio os axentes detectaron varias visitas realizadas, con numerosas medidas de seguridade por parte dun individuo de nacionalidade albanesa, residente na Illa de Arousa. Así, segundo informa a Garda Civil, "púidose detectar a estreita vinculación con outro individuo igualmente con antecedentes por tráfico de drogas, que efectuaba numerosos desprazamentos a Madrid".

Tras detectar similitudes cunha operación levada a cabo pola Policía, ambas as forzas de seguridade coordináronse nesta operación que deu con esta organización que contaba cun líder, de orixe albanesa, que era o encargado de establecer os contactos cos distintos compradores en Galicia, así como de levar a cabo as correspondentes negociacións.

Esta organización criminal contaba cun taller clandestino situado no polígono madrileño de Humanes onde os vehículos usados para a comisión dos delitos pasaban varios meses no interior desta nave e eran transformados ao instalar na súa carrozaría sofisticados habitáculos de gran tamaño, recubertos de chumbo e imposibles de detectar ante un eventual control policial onde esconder a droga.

Cando estes vehículos estaban preparados para realizar o transporte, eran rematriculados con placas de Romanía e entregados ás persoas que se encargaban de efectuar longos desprazamentos a bordo deles ata diversos países de Europa, principalmente os Países Baixos onde eran cargados e regresaban novamente a España, segundo informa a Garda Civil.

HEROÍNA ENTERRADA

En Galicia ocultaban as partidas de heroína procedente de Madrid, en zonas boscosas de difícil acceso, enterradas en diversos puntos para dificultar así o seu achado.

O pasado xaneiro, os axentes encargados da investigación detectaron que un dos coches preparados na nave de Madrid regresaba a España procedente de Holanda. Foi interceptado na cidade de Vigo, onde atoparon ocultos nun habitáculo de gran tamaño nos baixos do vehículo 10,5 quilogramos de heroína.

No rexistro efectuado na vivenda unifamiliar de Carballo acháronse numerosas doses de heroína e cocaína listas para a súa venda, 35.000 euros, unha escopeta de repetición municionada e co canón recortado e unha arma curta simulada.

Na leira exterior da casa, os cans detectores de drogas de ambos os corpos de seguridade localizaron un lugar concreto no que podería esconderse droga. Tras escavar nel, os axentes localizaron a unha profundidade de 1,50 metros unha bolsa de gran tamaño que contiña no seu interior perfectamente impermeabilizados máis de 9,5 quilogramos de heroína empaquetados da mesma maneira que os incautados días antes no interior do vehículo en Vigo.

A cantidade de heroína incautada ten un valor aproximado no mercado de 600.000 euros. A operación, segundo indicou o xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, "non está pechada" e espéranse máis detencións en marco desta operación antidroga.

Operativo Fireball-Kazino conxunto entre a Garda Civil e a Policía Nacional. Once detidos en Galicia e Madrid por pertencer a banda organizada.. GARDA CIVIL A Coruña
Operativo Fireball-Kazino conxunto entre a Garda Civil e a Policía Nacional. Once detidos en Galicia e Madrid por pertencer a banda organizada.. GARDA CIVIL A Coruña | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta