O drama do rural: Galicia será o territorio máis golpeado en España polo abandono de terras agrícolas

Un estudo científico advirte de que Lugo, A Coruña e Ourense sufrirán de aquí ao 2030 “o maior abandono absoluto e relativo de terras agrícolas, sendo as tres únicas provincias en España ameazadas polo abandono de máis do 30% da área agrícola utilizada”. Pontevedra ocupa o quinto posto en termos porcentuais, por detrás de Guipúscoa.

Por Alberto Quian | Madrid | 04/02/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia será o territorio máis afectado en España polo abandono de terras agrícolas de aquí ao ano 2030. As catro provincias galegas sitúanse entre as cinco que máis porcentaxe de terreo agrícola perderán, segundo datos dun estudo de investigadores do Centro Común de Investigación (Joint Research Centre - JRC) da Comisión Europea e do Departamento de Enxeñería  Cartográfica, Xeodesia e Fotogrametría da Universidade Politécnica de Valencia.

Rural
Rural | Fonte: © Miguel Núñez.

Os resultados das súas análises revelan que se esperan “importantes procesos de abandono” en Galicia, Asturias Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Murcia e as provincias de Almería, Alacante e Málaga.

“Sobre a base das expectativas de abandono máis altas, é posible distinguir dous grupos claros en España: noroeste e norte, e sueste de España”, resumen os autores do estudo, no que “se confirma que se espera que Galicia enfronte os maiores desafíos en España”, sendo Lugo a provincia máis afectada en todo o Estado, “con case 80 mil hectáreas de terra abandonada, seguida da Coruña e Ourense”.

Lugo, A Coruña e Ourense son "as tres únicas provincias en España ameazadas polo abandono de máis do 30% da área agrícola utilizada"

“É probable que Galicia, en particular, A Coruña, Lugo e Ourense, enfronten o maior abandono absoluto e relativo de terras agrícolas, sendo as tres únicas provincias en España ameazadas polo abandono de máis do 30% da área agrícola utilizada”, concretan os científicos.

As catro provincias galegas sitúanse entre as cinco máis afectadas en termos porcentuais de abandono sobre a total da área agrícola utilizada, lideradas por Lugo, co 44,2 %, seguida da Coruña (41,9 %) e Ourense (30,2 %). En cuarto lugar está Guipúscoa (29 %) e no quinto posto, Pontevedra (25,9 %).

En conxunto, os científicos estiman que en 2030 haberá en toda España aproximadamente 23 millóns de hectáreas de terra agrícola en risco potencial de abandono, aínda que tres cuartas partes estarán nun nivel de risco baixo ou moi baixo. Da outra cuarta parte, un 11 % estará en risco alto e un 10 % en moderado, mentres que apenas o 0,2 % terá un risco potencial de abandono moi alto.

En cifras absolutas, calculan en máis de 5 millóns as hectáreas en grave risco de abandono en 2030, mentres que se prevé que o abandono total da terra agrícola alcance uns 1,1 millóns de hectáreas, o que representará aproximadamente o 5 % do terreo total. Esta proporción de abandono está moi por enriba dos cálculos da UE (3 %).

Do que ninguén ten dúbida é de que “España é o Estado membro que sofre a peor situación de abandono de terras”, aínda que existen notables diferenzas entre territorios, oscilando os cálculos entre o 0,4 % ou menos (Sevilla, Huelva e Ceuta) e máis do 44 % (Lugo), cunha media entre todas as provincias superior ao 10 %.

 ABANDONO EN ÁREAS DE ALTO VALOR NATURAL E MONTAÑOSAS

No estudo analizáronse de maneira individual as áreas totalmente montañosas, as agrícolas de alto valor natural e os sitios da Rede Natura 2000. Os resultados avisan de máis de medio millón de hectáreas novas abandonadas de aquí a 2030, case a metade do total.

Estiman que estes abandonos se producirán principalmente en “áreas totalmente montañosas, debido a hándicaps naturais e a unha mecanización difícil, entre outros factores, que fan que esas áreas sexan menos competitivas”.

Neste contexto, espérase que Lugo, Ourense, Teruel, Granada e Almería experimenten o maior grao de abandono (máis de 25.000 ha.) debido á presenza de importantes cadeas montañosas (Macizo Galaico, Ibérico e Bético).

Lugo é a única provincia na que se proxectan máis de 25.000 hectáreas de abandono en áreas de alto valor natural  

En España, apuntan, aproximadamente 18 millóns de hectáreas están amplamente cubertas por áreas de alto valor natural asociadas coa agricultura de baixa intensidade, a cal, segundo os expertos, “contribúe a manter altos niveis de biodiversidade e hábitats ambientalmente valiosos”.

Os datos mostran que case o 45% do abandono proxectado (490.000 ha.) se atopa dentro de áreas de terras de cultivo de alto valor natural. Lugo é a única provincia con máis de 25.000 ha. de abandono dentro desas áreas, seguida de Zaragoza, Granada, Asturias, Teruel, Ourense, Valencia, Almería, Huesca e Ávila (de 15.000 a 25.000 ha.).

Respecto á Rede Natura 2000, esta está amplamente distribuída en todo o territorio español, ocupando case o 30% (aproximadamente 15 millóns de ha.). O abandono dentro dos sitios Natura 2000 representa 152.000 ha., aproximadamente o 14% do abandono total da terra, segundo os cálculos destes investigadores.

Con estes resultados, afirman, confírmase que “o risco de abandono da terra non só se limita a zonas montañosas, senón que se expande a “outras áreas vulnerables”, froito da combinación de diversos factores biofísicos, socioeconómicos e rexionais.

É por iso que avisan de que “o abandono previsto nas áreas de alto valor natural e da Rede Natura 2000 conducirá a unha perda na biodiversidade das terras agrícolas e a formas máis intensivas de agricultura”.

CASO GALEGO

No caso de Galicia, sinalan diferentes circunstancias para as altas taxas de risco de abandono debido á “súa topografía montañosa, a súa posición periférica, o predominio de granxas familiares a pequena escala, a fragmentación da propiedade, a difícil mecanización, o risco de incendios forestais, a intensificación da agricultura e a súa declaración como zona desfavorecida na Directiva 75/268/CEE do Consello da Unión Europea”.

Máis detalladamente, apuntan que “as limitacións naturais importantes para a agricultura, debido á súa orografía (principalmente o Macizo Galaico), xunto con factores socioeconómicos e de estrutura agraria desfavorables, tamén son causas importantes do aumento do risco de abandono agrícola en moitas áreas da Coruña, Lugo e Ourense”.

Os investigadores consideran que se debe prestar “especial atención” ás áreas onde o risco moderado, alto e moi alto de abandono está relacionado con variables como “a pendente do terreo, a baixa profundidade do chan agrícola e drenaxe deficiente”.

Galicia perdeu preto de 8.000 hectáreas de cultivo ao longo de 2019, segundo datos do Ministerio de Agricultura 

A orografía galega, “bastante montañosa, podería contribuír a illar as zonas rurais, obstaculizar as comunicacións (especialmente no interior) e caracterizar esas áreas como remotas e pouco poboadas”, engaden.

Esta mesma semana coñecíase que Galicia perdeu terras de cultivo ao longo de 2019,  mentres aumentaron tanto as superficies forestais como os pastos, segundo datos publicados polo Ministerio de Agricultura do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas (Sigpac).

De tal forma, as terras de cultivo descenderon non territorio galego en preto de 8.000 hectáreas o pasado ano (ata un total de 310.854).

LUGO

No estudo tamén se fixo unha análise a escala provincial. Para iso seleccionáronse catro zonas para exemplificar áreas afectadas polo abandono con diferentes contextos económicos, ambientais e locais. As provincias elixidas foron Murcia, Toledo, Zaragoza e Lugo como zonas representativas do Mediterráneo oriental, o Sistema Central, o Val do Ebro e Galicia, pois nelas “espérase que o abandono da terra agrícola sexa particularmente importante”.

A zona analizada en Lugo é a correspondente á meseta e as cadeas montañosas. Territorios onde “a paisaxe  intercala terras agrícolas moi diversas xunto con bosques frondosos e abundantes áreas con vexetación, principalmente debido ao seu clima oceánico húmido”, describen os científicos. É nesta diversidade xeográfica onde atopan “a combinación de diferentes categorías de risco (baixo-moderado-alto) de abandono, sendo considerada unha área totalmente en perigo de abandono”, alertan.

A isto engaden unha “acumulación de factores  biofísicos diseminados nalgúns lugares (pendente superior ao 15-30%, baixa profundidade do chan) que poderían aumentar localmente o risco de abandono”.

Consideran, ademais, que se trata dunha provincia que se caracteriza por “unha baixa estabilidade e viabilidade para previr o abandono de terras agrícolas, de acordo coas variables económicas e estruturais” destas.

Os datos publicáronse na revista científica Sustainability, nun traballo titulado ‘An  Assessment and Spatial Modelling of Agricultural Land Abandonment in Spain (2015–2030)’. Para as súas análises, os investigadores valéronse da plataforma de modelos territoriais LUISA, do Centro Común de Investigación da Comisión Europea, que permite realizar proxeccións futuras rexionais e locais de abandono de terras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Bismutiño

Tranquilos que seguro que Pontona va repoblar Galicia de auténticos gallegos, como decía Murguía, altos, rubios y de ojos azules.

4 Gamela

O problema somos nós... (a solución tamén) https://i.gal/gamela13

3 Nordés

Tranquilos, xa está Ence preparando os eucaliptos.

2 emigrante 3

Não homem não, não seja tão negativo, e consequência do progresso. A gente abandona o campo porque tem melhores alternativas, como por exemplo, a emigração, mais “España va bien”, os galegos não tanto!

1 Galiza ceibe sen expaña

todo e consecuencia das políticas pepeiras durante ducias e ducias de anos... aquí están os resultados de unión de expaña... non o ven acaso o están cegos... GALIZA DEBE SAIR DE EXPAÑA SI QUERE VIVIR!!!! - EXPAÑA NON E A NOSA SOLUCION SENON O NOSO PROBLEMA!!!!- o pepe e a nosa ruina!!!! e para colmo nos roubaron 200 millons de euros... EXPAÑA NOS ROUBA!!!!

1 anonimo

Panfletadiña panfletaria. Un estado galego independente sería un pais cheo de pensionistas e cobradores de susidios, algo completamente ruinoso, e inviable. Fora de Galicia, onde nunca gobernou o PP, o campo tamén está progresivamente despoboado. I en Europa pasa outro tanto. Así que menos panfletadiña histérica, please.