Por Galicia Confidencial | O Grove | 07/10/2012 | Actualizada ás 22:16
Os afectados polas participacións preferentes continúan a súa ofensiva contra actos electorais do PPdeG. Máis dun cento de estafados recibiron hoxe con berros e apupos ao candidato conservador na súa visita á Festa do Marisco do Grove.
Os cidadáns seguiron ao líder do PPdeG por todo o recinto da feira con berros de "fóra, fóra!" e "mans arriba, isto é un atraco". A seguridade que acompañaba ao presidente da Xunta impediu que os cidadáns puideran achegarse máis ao político para presentarlle as súas revindicacións. Agora ben, Feijóo non puido realizar a súa visita con normalidade.
Os estafados por Caixa Galicia e Caixanova, hoxe Novagalicia Banco, sabían que as forzas de seguridade ían tentar impedir a súa acción. Por iso moitos deles non vestiron as camisetas reivindicativas até que o mandatario conservador se achegou. O candidato non se detivo a coñecer as súas reivindicacións e fixo case correndo o 'paseíllo' polo Grove.
"Ogallá se atopara con isto cada vez que saen á rua, os das preferentes, os parados, os dependentes, os bombeiros, os funcionarios, todos dicíndolles á cara o que pensamos deles" publicou a plataforma local de afectados. O Grove, O Morrazo e O Val Miñor son tres das comarcas que máis sofren as consecuencias destes produtos tóxicos.
Os afectados levan meses a reclamar unha entrevista co presidente da Xunta, que nunca os recibiu. Os cidadáns reclaman unha solución conxunta e global de todos os casos, que pase por recuperar os seus cartos. A Xunta só promove a arbitraxe, que polo de agora só logrou dar saída a centos dos máis de 10.000 familias afectadas. As plataformas locais tamén aseguran que a Xunta está a 'enchufar' a certas persoas para que accedan antes á arbitraxe
De non producirse un cambio normativo, a maior parte dos afectados terá que asumir quitas de até 70 por cento do que investiron. Así o marca as condicións do rescate ao sistema bancario español; cuxos beneficiarios, os bancos, mantéñense a flote precisamente grazas ás axudas públicas alimentadas polos impostos dos propios cidadáns.
O sábado afectados polas preferentes protestan no mitin de Feijóo e Rajoy en Pontevedra, imaxes que foron censuradas pola maioría dos medios de comunicación.
Velaquí o vídeo do sucedido no Grove, publicado por Todo Grove:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.