“Ourense en Común e moitos proxectos locais somos froito do 15M”

“Falan de de traballo pero tras anos de goberno temos precariedade e pobreza”. Esta é a denuncia de Miguel Doval, candidato de Ourense en Común tras unhas primarias que convulsionaron esta 'marea', que, aínda as,í pode ser clave para impedir que o PP goberne nun Concello que “non pode ser un circo nin a antesala dos xulgados”. Doval indica nesta entrevista que as diferencias con Podemos e Anova son "mínimas".

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 15/05/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Malia o rebumbio das primarias, as enquisas danlle a Ourense en Común ao redor de tres concelleiros. Como valora estes estudos? Tres concelleiros serían un éxito para unha candidatura nova que pasou por intres difíciles?

Miguel Doval, candidato de Ourense en Común ás municipais
Miguel Doval, candidato de Ourense en Común ás municipais | Fonte: radioourense.com

Non nos obsesionan os sillóns. O obxectivo de Ourense en Común é dar voz á cidadanía dentro do Concello, para que este atenda ás necesidades e demandas reais da veciñanza. Canto máis peso teñamos nas institucións máis poderemos avanzar nisto, pero o traballo por facer vai moito máis alá e niso xa estamos.

De Ourense en Común desvinculáronse en diferente medida, tras a polémica das primarias, Anova, Podemos e por suposto Compromiso por Galicia, que gañara a votación inicial. Como afectan estas baixas as posibilidades reais da plataforma de ser decisiva na política da cidade? Existen diferencias programáticas significativas entre Ourense en Común e estas forzas?

Con Podemos e Anova as diferenzas son mínimas, existe unha separación formal por temas que a escaseza de tempo ante as eleccións non permitiu resolver agora, pero coincidimos no camiño a seguir para facer un Ourense mellor. De feito en OueC seguen participando militantes de ambos partidos, mesmo na lista de candidatos. Con Compromiso as diferenzas son maiores, viñeron a competir nun proxecto de cooperación, teñen lóxicas e prácticas que nós queremos superar.

Que autocrítica ten que facer Ourense en Común polo sucedido nas primarias?

Miguel Doval
Miguel Doval

Este é un proxecto de portas abertas, aquí non se lle pide a ninguén o currículo nin a ficha policial, polo que é normal que ás veces haxa rozamentos. Non se soubo facer entender o que é este proxecto a algunhas persoas, que igual que entraron aquí por propia vontade logo fóronse libremente. O que si temos claro é que non todo vale en política, que os principios están por encima de calquera interese persoal, partidista ou electoralista, e o que pasou logo das primarias é proba de que somos honestos e fieis ao que dicimos.

Xosé Manuel Baltar dicía esta semana que quería debater cos candidatos das outras forzas a liderar a Deputación, pero que nin eles mesmos sabían quenes eran. Que lle parece esta argumentación?

A estratexia do PP é a de sempre. Ningunear ao resto de opcións políticas, e logo, ningunear a boa parte da cidadanía. Falan de progreso, de traballo, e tras anos de goberno o que temos é precariedade e pobreza, aquí só gañan os que máis teñen. A Deputación tamén ten culpa disto. Creemos que o desenvolvemento do concello de Ourense ten que ir da man do desenvolvemento da provincia. E a Deputación debe velar pola cooperación entre os concellos, non por repartir o diñeiro entre os do seu partido e facer a vida imposible ao resto. Iso o único que demostra é que pon o seu interese particular por encima do interese xeral.

Desbota pactar co PSOE, aínda que sexa a abstención, para evitar que Jesús Vázquez (PP) sexa alcalde?

É unha decisión que se tomará no seu momento, co programa encima da mesa. Non estamos aquí para ocupar cargos a calquera prezo. O que queremos é que o Concello sexa de verdade un servizo público e sirva ao ben común, e chegaremos a acordos sempre que sigan este obxectivo. E imos ser construtivos, o Concello ten que funcionar o mellor posible e de maneira responsable, non pode ser un circo nin a antesala dos xulgados.

Que medidas concretas propón a súa lista para reactivar a economía da Cidade das Burgas?

Hai que pór en valor os recursos da nosa terra e o saber da nosa xente. Hai actividades con moito potencial, pero que non se levantaron por falta de vontade política e dunha planificación. É necesario pór en marcha un plan de desenvolvemento dos sectores estratéxicos, e que estos sirvan de panca para levantar a economía: transporte, agroalimentación, téxtil, termalismo, saúde, forestal, enerxías renovables, turismo e industrias culturais e creativas.

Atendendo a problemas específicos para a creación de empresas no noso municipio, podemos destacar dúas propostas que creemos poden ter gran calado. A primeira é a reforma da fiscalidade municipal, de face a garantir a súa progresividad, facilitando con iso que as novas empresas con poucos ingresos non se vexan abocadas a pechar polo elevado de taxas e impostos. E a segunda é a cesión en condicións favorabeis de espazos, equipamentos e infraestruturas ás novas empresas dos diferentes sectores estratéxicos e daqueles que cubran necesidades sociais, para que poidan iniciar a súa actividade en boas condicións sen unha carga excesiva de gastos por estes conceptos.

Apostamos tamén por un apoio directo á economía local, aprobando a PXOM para rexenerar as áreas comerciais en todos os barrios, creando unha etiqueta de calidade para os produtos locais ou con especialistas que asesoren aos comerciantes e hostaleiros para mellorar o seu negocio, entre outras medidas.

E creemos que é moi importante apoiar ás cooperativas e a economía social naquelas actividades fundamentais para cubrir as necesidades da poboación ourensá (coidados de nenos e maiores, conservación do medio e o patrimonio, saúde, benestar, educación e cultura).

O Concello veuse afectado nesta lexislatura por varios casos de suposta corrupción, con boa parte do equipo goberno imputado. Que medidas propón a súa plataforma para evitar que isto volva a suceder?

Temos no programa un paquete de propostas para a transparencia, como a implantación dun código de obrigado cumprimento que faga públicas todas as contas, informes, pregos, contratos, axudas, orzamentos, programas e plans do Concello. E ademais, publicaranse nun portal de transparencia as axendas dos cargos públicos, as actas de todas as reunións, ou as súas declaracións de bens, rendas e patrimonio, entre outras informacións. Os Plenos e Comisións informativas municipais serán emitidas en directo vía internet e os arquivos dos vídeos publicados. Establecerase un calendario de “encontros pola transparencia” entre os responsables políticos e a cidadanía para render contas en persoa. Impulsarase a creación dun Observatorio Cidadán Anticorrupción, que servirá como ferramenta de control independente da xestión municipal. E emendarase o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ourense para que inclúa procesos de revogación de cargos por parte da cidadanía cando se demostren prácticas contra o interese xeral. Os candidatos de Ourense en Común xa asinaron un documento polo que renuncian aos cargos que poidan exercer neste tipo de casos.

Ao fío da indignación coa corrupción medrou en Ourense un partido, Democracia Ourensana, único no panorama político galego. Que valoración teñen de Gonzalo Jácome e a súa formación?

Temos outra maneira de ver as cousas.

Ourense é desgraciadamente famosa polas denuncias de carretaxe e clientelismo no rural, pero sucede algo similar na capital? Que se pode facer para evitalo?

Para empezar, transparencia e honradez. Para evitar o clientelismo, os contratos e subvencións municipais teñen que darse a aquelas persoas e proxectos que o merezan pola súa achega ao ben común e polo seu bo facer. E unha persoa non pode exercer un cargo toda a súa vida, hai que pór un tope para evitar vicios e personalismos. E despois, información. Unha cidadanía informada é máis difícil de manipular, e é capaz de tomar as súas propias decisións, só así podemos falar de saúde democrática.

Vostede é unha persoa moi veterana no movemento asociativo da cidade. Que aires novos trouxo o movemento dos indignados a vida da capital? É Ourense en Común un produto do 15M?

O 15M removeu a unha sociedade que estaba durmida, e que empezou a facerse preguntas. Grazas a isto algo está a cambiar na nosa sociedade, a xente toma conciencia do que é a política, a economía, e de como todo é manexado polos poderes ao seu antollo. Ourense en Común e moitos dos novos proxectos municipalistas son froito desa árbore.

Se fose alcalde, o primeiro que faría Miguel Doval sería ...

Auditar as contas do Concello e avaliar o seu modelo de xestión. Para curar ao enfermo primeiro hai que facer un diagnóstico, e a partir de aí porse ao choio. Con sentido común, administrando o público como administramos o doméstico: de xeito eficente, sen gastar ou que non temos e planificando ben vos investimentos. Establecendo prioridades e tendo claro que o interese xeral sempre estará por riba do particular. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 Xanti

Menudo prepotente é este elemento...

3 Gatopardismo 2.0

Por certo, o cibdadan Ortega, xa é outra vez a 3º fortuna do mundo. Non sei se transversalmente ou analmente, na retórica postmoderna da "revolución" cibernética tecnotrónica, rimbombanteda new age pequeno burguesa, valeira totalmente de contido. O que está son as caixas de caudais dos concellos, e transparentes as contas, non hai ub peso, e as mans atadas por estar totalmente empufadaa. Expaña por moito que minta Rajoles, non ten futuro, en default, coa debeda igual o PIB e cun déficit comercial cada vez mais grande. Hai 4 toda esta xentakka, Equo, ATTAC, a "copulaª actual de POTEMOS e gran parte de IU-AGE apoiaban a guerra imperial-sionista de Libia. O país de mais alto nivel de vida de África, e mais emprego daba a norteafricanos. Hoxe calan diante do drama human no Mediterraneo, e din que van salvar Galiza e concellos, imos de caralho.

2 Dingo

Democracia Ourensana foi a única oposición ás desfeitas do PPSOE-BNG

1 Xanti

Si home, xa veras como o jesusito pacta con toliño.

1 Eu mesmo

Un ¿demócrata? que non aceita uns resultados de primarias. Pobre Ourense, cun PSOE corruto, un PP deputacional tamén corruto e alguén coma este que mellor estaría na Corea do Norte

1 Mesmo outro año

Xa saeu o año narcotizado e colonizado mental polos medios da burguesía e colonialismo con VeneCuba do Norte. Na RDPC sofreu despois do imperialismo xaponés o imperialismo gringo, que custoulle 3 millóns de vidas. Este lixo colonialists representa a demagoxia e disidencia pre fabricada para o rebaño de años que foi o 15M. Na RDPC teñen soberanía e planifican a economía. Este é un lacaio oportunista na percura de pisar moqueta, que vive nunha colonia doutra colonia, onde quén planifica a economía son mafias oligárquicas e banqueiras que lle meten o TTIP por todo o orto e a arruinado por meterlle a debeda privada a pública. Corea do Norte non perde poboación, potencia a sua cultura, non vai de eunuco de guerras imperialistas para rou-barlle as suas riquezas a outros pobos. Deixa de ollar a viga no ollo alleo e olla as pallas mentais que fas.

2 Xanti

Xa saiou o que se mete merd@as no corpo... CxG gañou seguindo o procedemente, ANOVA carrexou para que gañara o prepotente de Doval, pero perderon (o alcalde da Peroxa de feito votou por el...). E que merd@ de medios colonizados se La Voz de Galicia soamente escoita a Beiras neste tipo de asuntos, non digas parvadas e deixa de darlle a herba.