Unha ollada á depauperada situación do campo galego... Como chegan os gandeiros a fin de mes?

Galicia é a primeira produtora de leite cos prezos máis baixos do Estado. As explotacións leiteiras teñen que aumentar a produción se queren tirar rendemento do seu traballo, aínda que isto leve a producións intensivas. As vantaxes van para a distribución e as empresas leiteiras, prezos baixos para unha oferta abundante. Mentres, o consumidor pode estar pagando moitas veces, máis do dobre que lle pagaron a quen produce.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/02/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A modernización do agro en Galicia levou tempo, mais chegou, e con ela os avais bancarios, os empréstitos, créditos e a loita por prezos dignos para o leite. Porque eses prezos están case nos mesmos índices que hai vinte anos. Aínda que si houbo variacións durante estes anos, os prezos actuais non fan rendible unha explotación con menos de sesenta vacas leiteiras. Así, moitas explotacións pechan por falta de relevo xeracional, pois os máis novos non ven futuro dentro dun sector moi tocado polas políticas da PAC. Por outra parte, hai que transforma a explotación de leite en explotación de carne, quizais máis rendible. Existe explicación para que os prezos do leite apenas varíen?

Leite. UNIÓN DE UNIÓNS - Arquivo
Leite. UNIÓN DE UNIÓNS - Arquivo

POR QUE SE PAGA TAN POUCO POLO LEITE EN GALICIA?

Os gandeiros denuncian que os prezos actuais, aproximadamente 32.6 céntimos por litro, non abondan para a cobertura dos custes de produción. Algunhas voces desde os sindicatos agrarios apuntan que o número de cabezas para facer rendible unha explotación leiteira debera ter, polo menos, de sesenta cabezas para arriba. “Aínda que existen explotacións con vinte ou trinta cabezas que funcionan ben por teren amortizados todos os insumos” declara Óscar Pose de Unións Agrarias (UUAA).

A situación actual é que mesmo explotacións con contas negativas seguen traballando. E, sorprendentemente, Galicia, a maior produtora de leite do Estado é a que ten os prezos máis baixos, segundo enquisas do CETAL, a última é de novembro de 2018. “Galicia é onde máis barato se paga porque a oferta é numerosa e así as empresas din “podo coller onde queira”, di Xulio Fernández do Sindicato Labrego Galego (SLG).

Cando se implantaron as cotas á produción do leite púidose evitar a sobreprodución, non obstante, “non serviu para evitar quen controla o mercado que son compradores e distribuidores” di Óscar Pose que engade “estes presionan á industria e aos gandeiros para teren prezos baixos”. E se a industria leiteira buscase outra alternativa para mercar leite? “A industria non busca alternativas porque ten ganancia garantida”.

En 2013 a CNMC realizou unha macroinspección en diferentes empresas leiteiras de todo o Estado. O que se descubriu foi unha caste de cártel do leite, pactos baixo corda entre as empresas do sector para manteren os prezos baixos, non roubar entre ellas clientes e así, ter asegurado o fornecemento das empresas. Na propia investigación descubriuse como as empresas ían fixando prezos en quendas. En cada quenda unha empresa fixaba o que se pagaría por litro de leite, o mes seguinte sería outra. Buscaban que as autoridades non sospeitasen nada.

Mais insistindo sobre os ingresos dos gandeiros, as rendas por ingresos mensuais, segundo as fontes sindicais consultadas, estarían en Galicia por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). “As mesmas axudas da UE aos gandeiros estaban pensadas para compensar as baixadas de prezos e que eses produtores de leite puidesen manter un nivel de vida digno” sinala Xulio Fernández.

APOSTAR POLO LEITE É SEGURO?

A PAC foi unha “oportunidade” que non se aproveitou debidamente, comenta Óscar Pose. O sector leiteiro puido terse diversificado grazas a unha pequena marxe para aumentar a produción. Isto non sucedeu e así, boa parte dos derivados lácteos das superficies comerciais son de importación. “Co leite non hai capacidade para arriscar, a aposta, se se quere, ten que ser pola máxima calidade do que produce unha explotación” describe Óscar Pose.

A aparición dos derivados procedentes do estranxeiro produciuse en parte polo pequeño tamaño da industria galega nese campo. Ademais, a fabricación de queixo en Galicia non satisfaría a demanda do mercado interno, por tanto, a chegada de produto foráneo era esperable. Xunto a isto, os prezos dos elementos importados son moi competitivos “porque son excedentes” vidos das grandes produtoras europeas.

Outra cuestión é o tocante á distribución por parte de grandes empresas como Mercadona, Gadisa e máis. Entre as diferentes marcas que poden ofrecer estas distribuidoras están as súas marcas propias ou “marcas brancas”. “As marcas brancas teñen uns prezos moi baixos, cousa que tamén  inflúe no prezo que se lle paga ao produtor” di Xulio Fernández.

A situación dentro do sector é de incerteza para a maioría das explotacións. Os cálculos das forzas sindicais estiman un promedio de 500 explotacións que botan o peche por ano. O prezo actual por litro de leite está entre os 32.5 e os 32.6 céntimos por litro. Unha cantidade, a máis baixa do Estado, que non permite cubrir custes como combustibles, luz, alimento para o gando, pagamento de créditos, etc.

O prezo do leite mantense nunhas cifras case que constantes desde hai moito tempo. Os motivos van desde que as distribuidoras e os compradores teñen mercado abondo para condicionar eles e elas canto pagan. A diversificación da produción en derivados do leite tampouco ofrece unha resposta en firme, pois eses mesmos produtos importados poden mercarse a prezos baratos. A isto engadirlle as políticas de prezos pactados polas empresas transformadoras e comercializadoras, que impedían o libre desenvolvemento do mercado e uns ingresos dignos ao sector da produción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 pepe vota pepeiro

os arruinan si pero están contentos, fan tractoradas pero están contentos, os pobos sin xentes pero están contentos, non ha futuro pero están contentos, o prezo da leite peor ca nunca pero están contentos e como están contento O SEÑOR PEPE VOTARA O PEPEIRO...

1 Moine

A seguir votando PPSOE