Feijóo promete "pór máis terra" a disposición dos viticultores

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG asegura que porá 500 hectáreas máis nos próximos meses a disposición do sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2020 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse este luns a "pór máis terra" a disposición da viticultura en Galicia. En concreto, fixo referencia a que, nos próximos meses, se porá a disposición dos viticultores unhas 500 hectáreas, a través de acordos con propietarios que non poden coidar dos seus terreos.

Feijóo participa nun acto de partido en Salvaterra de Miño
Feijóo participa nun acto de partido en Salvaterra de Miño | Fonte: PPdeG.

Feijóo mantivo un encontro con viticultores do Condado, onde puxo en valor a Denominación de Orixe (D.O.) Rías Baixas, que supón máis do 50 por cento do total do viño galego e que factura ao redor de 130 millóns de euros. "De cada cen botellas, 26 vanse ao exterior", engadiu, en relación ás exportacións.

O candidato popular comprometeuse a "seguir traballando" cos viticultores e, en concreto, garantiu que se porá "máis terra" a disposición de quen traballan nesta actividade.

"Lamentablemente, en Galicia hai moita terra abandonada", esgrimiu Feijóo, antes de anticipar que, nos próximos meses, a Xunta prevé pór a disposición unhas 500 hectáreas a través de acordos con propietarios que non poden coidar dos seus terreos.

No seu conxunto, precisou que o obxectivo en 2020 é pór "entre 4.000 e 5.000 hectáreas a producir" e non só de viticultura, senón tamén de horta, cereal e outros produtos agrícolas, por exemplo os froiteiros. Segundo subliñou, entre os polígonos agroforestais e as aldeas 'modelo' poranse miles de hectáreas improductivas a disposición de quen pode traballar as terras e sacarlles "valor engadido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta