Celaá augura que a Selectividade de 2021 terá criterios comúns para todas as autonomías

Rexeita a proposta de Pomar de implantar única en toda España por "respecto" á "repartición competencial"

Por E.P. | MADRID | 24/02/2020 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, avanzou que a proba de acceso á universidade de 2021 terá criterios de corrección comúns para todas as comunidades autónomas para que o resultado dos exames "sexa máis equitativo para todos".

Así o prognosticou Celaá este luns tras recibir no Ministerio á conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional de Galicia, Carmen Pomar, que lle trasladou a súa petición para equiparar a dificultade da Selectividade entre diferentes comunidades e evitar "agravios comparativos".

A conselleira Pomar, partidaria dunha Selectividade única para toda España, atopouse nese punto co rexeitamento da ministra. "Non imos a unha EvAU -Avaliación para o Acceso á Universidade- única porque respectamos a repartición competencial das comunidades autónomas", dixo Celaá aos medios, lembrando que a nota dos estudantes para acceder á universidade componse, nun 60%, da súa cualificación media en Bacharelato.

Celaá, con todo, lembrou o seu compromiso, anunciado o ano pasado durante a celebración da Selectividade de 2019, de "achegar posicións sobre as fórmulas de corrección" ou a "magnitude de materia que se incorpora" aos exames de todas as autonomías..

A ministra asegura que traballan desde "hai un tempo" tanto coa Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) como co Ministerio de Universidades para buscar fórmulas "que eviten esas diferenzas", aínda que a interinidade do Goberno ata o pasado mes de xaneiro impediu avanzar máis aló de "traballos preliminares".

"Non imos cambiar o exame de xuño agora, porque os estudantes o están preparando sobre as liñas que viñemos tendo ata o momento e non podemos cambiarlles o mecanismo", dixo Celaá, aínda que se comprometeu a introducir melloras na Selectividade de 2012. "O próximo curso haberá unhas técnicas para a corrección e para as magnitudes de temas que estarán máis aliñadas entre todas as comunidades autónomas", asegurou Celaá.

Exame de Selectividade de setembro.. UNIVERSIDADE PABLO DE OLAVIDE (UPO) - Arquivo
Exame de Selectividade de setembro.. UNIVERSIDADE PABLO DE OLAVIDE (UPO) - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta