O Ravachol celebra no Entroido de Pontevedra a próxima finalización das obras na ponte do Burgo

O disfrace, emblema do Entroido pontevedrés, presenta o papagaio con plumas de cores ataviado cun gran chaleco de obra amarelo fluorescente e subido a unha estrutura que imita a ponte do Burgo.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/02/2020 | Actualizada ás 20:53

Comparte esta noticia

O disfrace de Ravachol, emblema do Entroido pontevedrés, presenta o papagaio con plumas de cores ataviado cun gran chaleco de obra amarelo fluorescente e subido a unha estrutura que imita a ponte do Burgo, que se atopa na fase final das obras de remodelación.

Ravachol no entroido pontevedrés
Ravachol no entroido pontevedrés | Fonte: Europa Press

"Vén de varanda!", exclamou a portavoz da Irmandade do Ravachol, María Simal, na presentación ao público. O acto, amenizado con música xunto á recreación da botica de Perfecto Feijóo, propietario do papagaio Ravachol ata a súa morte, un luns de Entroido de 1913, contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos concelleiros de urbanismo e de Obras Urbanas, Demetrio Gómez.

Con esta vestimenta, a Irmandade de Ravachol centrou a súa interpretación do Entroido ao redor dunha actuación urbanística de gran calado, que non detivo os traballos nin durante o período do Nadal para axustarse aos prazos de finalización dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Así, a recreación do viaduto sobre o que pousa Ravachol inclúe mesmo luces led que imitan a iluminación que lucirá a ponte medieval -itinerario xacobeo do Camiño Portugués a Santiago- e a nova varanda recentemente instalada, cuxo efecto visual e estético causou certa polémica a nivel político e veciñal.

Ata o velorio de Ravachol o vindeiro sábado a partir das 18:00 horas na Praza da Verdura e a súa posterior incineración na praza da Ferrería, o papagaio percorrerá as rúas e as prazas do centro histórico de Pontevedra durante este Entroido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta