Temas: FRASEOLOXíA

“Tarde, mal e a rastro”, equivalente, entre outras, á castelá “tarde, mal y nunca”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 01/03/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para darmos a entender que algunha cousa se realiza dunha maneira bastante peor á que coidamos que sería de desexar, e mesmo ás veces tamén máis tarde do tempo en que se debería facer, en castelán adóitanse utilizar as expresións tarde, mal y nunca (que, tal e como indica a Fundación Fundeu BBVA del Español Urgente, desde unha perspectiva lóxico-lingüística non ten alá moito sentido) e, en menor medida, tarde, mal y a rastras. Vexamos as expresións galegas que dan conta desa mesma significación.

Viñeta de López - Adeus Rajoy
Viñeta de López - Adeus Rajoy

Tarde, mal y nunca

Tarde, mal y a rastras

{= Expresións que se utiliza para indicar que algunha cousa se realiza dunha maneira bastante peor á que coidamos que sería de desexar, e mesmo ás veces tamén máis tarde do tempo en que se debería facer.}

Tarde, mal e a rastro

Ex.: Como no podía ser menos en él, entregó el trabajo de fin de carrera tarde, mal y nunca, y al profesor no le quedó más remedio que suspenderlo.

Como non podía ser menos nel, entregou o traballo de fin de carreira tarde, mal e a rastro, e ó profesor non lle quedou outra ca suspendelo.

Ex.: Tengo que ir hasta el otro campamento, así que cubre la caza con una lona, ¡y hazlo ya! No se te ocurra, como es costumbre en ti, hacerlo tarde, mal y nunca, a no ser que quieras atraer a los depredadores.

Teño que ir deica o outro campamento, así que cubre a caza cunha lona, ¡e faino xa! Non se che ocorra, como é costume en ti, facelo tarde, mal e a rastro, a no ser que queiras atraer os depredadores.

● Tamén:

Tarde, a rastro, mal e nunca && Tarde e a rastro && Tarde e mal && Tarde, mal e nunca

Ex.: Como non podía ser menos nel, entregou o traballo de fin de carreira tarde, a rastro, mal e nunca tarde e a rastro tarde e mal tarde, mal e nunca, e ó profesor non lle quedou outra ca suspendelo.

● Inda tamén, mais só en certos contextos, en canto que indica que se tarda máis do desexable en facer algo ou que se fai á última hora de vez:

A última hora

Á última hora && Ás dez de últimas

Ex.: Teño que ir deica o outro campamento, así que cubre a caza cunha lona, ¡e faino xa! Non se che ocorra, como é costume en ti, facelo á última hora ás dez de últimas, a no ser que queiras atraer os depredadores.

NOTAS:

1. Aproveitando o segundo dos exemplos, no que aparece o imperativo de segunda persoa singular do verbo cubrir (isto é, cubre), ímonos referir a un erro bastante común que se observa en relación con estas formas imperativas de verbos que seguen os paradigmas conxugacionais de servir e fuxir.

Falamos, pois, nestes casos de verbos que reflicten alternancia vocálica no presente de indicativo: así, os que seguen o paradigma de servir presentan vogal aberta [ε] na 2ª e 3ª persoas de singular e mais na 3ª persoa de plural (ti serves, el/ela serve, eles/elas serven); mentres que os que responden ó paradigma de fuxir amosan vogal aberta [ɔ] nesas mesmas persoas (ti foxes, el/ela foxe, eles/elas foxen), pero sempre, repetimos e reiteramos, referidas ó presente de indicativo.

Daquela, as formas de imperativo non presentan esta alternancia, polo que son incorrectos enunciados do tipo *séguenos en Instagram (o correcto sería síguenos en Instagram –con todo e iso, séguenos en Instagram si sería un enunciado gramaticalmente correcto e válido, pero viría a se corresponder ó castelán [él/ella] nos sigue en Instagram, e non a síguenos [tú] en Instagram), *sérvenos ti (o correcto sería sírvenos ti), *foxe de aquí (o correcto sería fuxe de aquí –do mesmo xeito ca no primeiro caso, foxe de aquí sería gramaticalmente correcto, mais correspondéndose co castelán [él/ella] huye de aquí, pero non con huye [tú] de aquí).

En definitiva, cómpre ter en conta que o imperativo presenta vogal radical pechada (i no paradigma de servir: sirve ti; u no de fuxir: fuxe ti), e non aberta (*serve ti, *foxe ti).

VERBOS QUE SEGUEN O PARADIGMA DE SERVIR

VERBOS QUE SEGUEN O PARADIGMA DE FUXIR

1. Ferir, mentir, seguir e sentir.

1. Acudir, bulir, cubrir, cumprir (só na acepción de “ser necesario”), cuspir, chuspir, durmir, engulir, fundir (só na acepción de “dar a sensación de que algo tarda en pasar”), lucir, mulir, muxir, pulir, ruxir, sacudir, subir, sufrir, sumir, tusir, ulir, urdir, xunguir e xurdir.

2. Derivados ou compostos:

de ferir malferir

de mentir desmentir

de sentir asentir, consentir e resentir

de seguir conseguir, perseguir, proseguir e subseguir

[Os verbos aferir, conferir, deferir, diferir, inferir, interferir, preferir, proferir, referir e transferir non seguen este paradigma ao non seren derivados de ferir, xa que teñen a súa orixe na base latina -ferre (=levar, transportar)].

2. Derivados ou compostos:

de bulir rebulir

de cubrir acubrir, descubrir [e derivado deste, redescubrir], encubrir e recubrir

de lucir deslucir, entrelucir, relucir, translucir e tremelucir

de sumir consumir e ensumir

 

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta